DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sara Louredo recibirá o martes o Premio Extraordinario de Doutoramento por esta investigación

O deseño industrial ‘non rexistrado’ precisa unha lexislación “máis pechada e uniforme” nos diferente Estados da UE

Esta figura aplícase a sectores como a moda, cuxos produtos teñen un ciclo vital moi reducido

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
D. Besadío DUVI 21/01/2020

Certos sectores industriais, como a moda, a tecnoloxía ou os xoguetes, ofrecen cada ano no mercado unha gran cantidade de produtos cuxo ciclo vital é tan reducido que fai que non mereza a pena tramitar unha solicitude formal de rexistro de deseño industrial. Para estes casos está pensado a figura do deseño ‘non rexistrado’, que permite obter por un período de tres anos a protección dun deseño desde que sae ao mercado, sen ter que efectuar ningún tipo de tramitación administrativa nin realizar o pagamento de ningunha taxa. Esta figura do dereito da propiedade industrial, o deseño ‘non rexistrado’, foi na que centrou a súa tese de doutoramento a investigadora viguesa Sara Louredo, profesora da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, quen salienta que este dereito, xunto coas marcas e as patentes, pretende protexer as creacións intelectuais que se aplican á industria, sobre todo naqueles sectores que fabrican obxectos con ciclos de vida curtos. 

“No caso do deseño o que se tutela é a aparencia dos obxectos, a súa forma, cores, textura, ornamentación... pois isto ten unha importante incidencia nas eleccións dos consumidores”, apunta a investigadora, quen o vindeiro martes recibirá por esta investigación, dirixida polos profesores Anxo Tato e Pablo Fdez Carballo-Calero, o Premio Extraordinario de Doutoramento na cerimonia de celebración de San Tomé de Aquino.

Na actualidade cada Estado aplica os seus propios criterios

A día de hoxe esta figura xurídica non está recollida na lexislación española, senón que o que se fai é aplicar de xeito directo o artigo 11 do Regulamento nº6/2002 sobre deseño comunitario e, nisto se centra a principal conclusión da tese de doutoramento de Louredo, que recalca precisamente o feito de que esta lexislación non é pechada, senón excesivamente aberta e inconcreta en cuestións importantes como a propia definición de deseño e a súa posible acumulación cos dereitos de autor.

“As diferencias entre Estados membros da Unión son moi marcadas”, explica a investigadora, quen na actualidade realiza unha estancia de investigación na Universidade de Lisboa, estadía que se suma a unha realizada previamente na London School of Economics grazas a unha bolsa da Fundación Barrié de la Maza. No caso de Italia avoga por unha acumulación moi estrita da protección mediante deseño e dereitos de autor para un grupo reducido de obras que posúan unha especial "altura creativa"; Francia, no outro extremo, cre que toda obra da mente humana pode acceder á protección dos dereitos de autor e non esixe ningún nivel creativo mínimo. “España, nesta materia, sitúase nunha posición intermedia -aínda que máis próxima a Italia que a Francia- posto que a xurisprudencia dos nosos tribunais vén falando dunha condición de altura creativa para que as obras poidan ser protexidas pola propiedade intelectual”, explica a autora da tese, quen fai fincapé en que “estas disparidades de criterios entre Estados non favorecen en absoluto a creación dun mercado común europeo e xogan en contra da seguridade xurídica.” 

O sector máis polémico é o das pezas de recambio de coches

Unha das cuestións máis polémicas arredor desta temática é a posible liberalización das pezas de recambio dos vehículos, un sector no que se enfrontan dous grandes grupos de produtores: dunha banda, os fabricantes do automóbil en conxunto e, polo tanto, dos recambios e accesorios orixinais e, da outra, os produtores de pezas independentes. O primeiro grupo desexa que o dereito de deseño se estenda aos recambios e que calquera fabricante non orixinal deba pagar unha licenza por usar esa mesma aparencia, mentres que o segundo entende que o mercado destas pezas cuxo obxectivo é a reparación debe ser libre, sen que exista un dereito exclusivo sobre elas. “Ata agora, o Regulamento foi partidario da liberalización porque no art. 110 se estipulaba que sobre este tipo de partes non nacía un deseño industrial sempre que se empregasen para devolver ao produto complexo (o automóbil) a súa aparencia inicial”, explica a investigadora, quen considera que esta solución beneficia aos países tradicionalmente produtores de pezas de recambio non orixinais como o Reino Unido ou España, pero prexudica aos Estados membros da UE como Alemaña, Italia ou Francia que fabrican o vehículo e os recambios e accesorios orixinais.

Proposta de modificación 

Para coñecer a opinión de operadores xurídicos e persoas afectadas pola regulación sobre estes problemas e lagoas, a Comisión Europea puxo en marcha un proceso de revisión lexislativa que comezou en 2016 e pasou por un período de consulta pública dende o verán de 2018 ata o pasado mes de abril. Algunhas das institucións participantes foron agrupacións de empresas do sector do automóbil e centros de referencia no estudo do deseño industrial como o Instituto Max Planck de Innovación e Competitividade de Múnich, no que a propia investigadora realizou unha estancia de investigación. Con esta retroalimentación, a Comisión pretende realizar unha proposta de modificación da lexislación que está prevista para os próximos meses. “Se ben o consenso ‘de mínimos’ que se acadou en 2001 sobre algunhas cuestións era moi operativo nunha fase inicial, para avanzar cara a unha maior e mellor aplicabilidade do Regulamento é necesaria, na actualidade, unha lexislación máis pechada e uniforme para os diferentes Estados membros”, conclúe Louredo.