DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo lanza unha nova oferta de oito cursos para o primeiro cuadrimestre 

e-Destrezas, unha oportunidade para que a comunidade universitaria mellore as súas competencias dixitais

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • TIC
  • Académica
DUVI 17/09/2021

Fundamentos de ofimática con Office. Iniciación ao desenvolvemento de páxinas web con Wordpress. Iniciación as bases de datos. Microsoft Access. Fundamentos de deseño gráfico con Ilustrator e Photoshop. Fundamentos de análise e tratamento de datos con Excel. Fundamentos de edición de vídeo e son dixital para a web. Curso básico de deseño BIM con Revit. Fundamentos e principios de cálculo científico con Matlb. Estes son os oito cursos de formación gratuítos que a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria oferta para o primeiro cuadrimestre do curso 2021-2022 ao abeiro do programa e-Destrezas, unha iniciativa coa que a UVigo procura o desenvolvemento e mellora das competencias dixitais do seu estudantado, PDI e PAS. 

Neste primeiro cuadrimestre, os cursos celebraranse en formato virtual a través do Campus Remoto da UVigo, posibilitando a docencia virtual síncrona a oferta completa de todos os cursos nos tres campus. Xunto a esta novidade, cómpre destacar tamén que a formación se desenvolverá en horario de tarde ou sábado pola mañá co obxectivo de facilitar a participación da comunidade universitaria. En cada curso, que terá unha duración de 30 horas (seis sesións de catro horas presenciais e seis horas de traballo autónomo), poderán matricularse un máximo de 30 persoas, que deberán asistir ao 85% das clases para obter o certificado. En canto á  decisión de homoxeneizar a duración de todos os cursos a 30 horas, esta medida permite ao estudantado a posibilidade de recoñecer cada un deles por un crédito ECTS. 

A inscrición nos cursos pode realizarse a través de campusactivo.uvigo.gal. 

91% de prazas ocupadas o curso pasado

O programa e_Destrezas chega este ano a súa terceira edición, despois de botar a andar no curso 2019-2020, e contando desde o inicio co patrocinio do Consello Social da UVigo. Proba da boa acollida que o programa ten entre a comunidade universitaria son o datos de participación do último curso, no que se ocuparon un 91% (494) do total de prazas ofertadas (540) en 18 cursos. Das persoas matriculadas no curso 2020-2021, 306 (88%) foron estudantes, 33 (10%) PDI e 7 (2%) PAS e os cursos con maior demanda foron os de Fundamentos e principios de cálculo científico con Matlab e Iniciación á creación dun perfil na rede social profesional LinkedIn.