DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo e o festival fan bandeira da igualdade, sostiblidade e accesibilidade 

Dez anos de PortAmérica, moita música e gastronomía, pero tamén transmisión dos ODS 

Manuel Reigosa e Kim Martínez asinaron un convenio para potenciar estes valores

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Medio Ambiente
  • Música
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 30/05/2022

Na que será na súa décima edición, PortAmérica reunirá durante tres días a corenta artistas e outros tantos chefs, entre eles 23 estelas Michelín, no recinto da Azucreira do concello de Portas, así como na Carballeira y A Tafona de Caldas de Reis. O festival, que se celebrará entre os días 2 ao 4 de xuño, regresa este 2022 con folgos e con obxectivos renovados, como os derivados do convenio subscrito entre o CEO de Esmerarte e director de Portamérica, Kim Martínez Silva, e o reitor en funcións da UVigo, Manuel Reigosa, centrado en potenciar os valores educativos e o traballo en liñas baseadas nos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible (ODS), nomeadamente a igualdade, a sostibilidade e a accesibilidade. 

“Para Esmerarte PortAmérica forma parte da súa parte de responsabilidade social corporativa, que xorde en 2012 en plena crise económica como unha plataforma de visibilidade de comunicar proxectos emprendedores que naquel momento estaban, digamos, comprometidos. Creamos a Comunidade PortAmérica e démoslle visibilidade a esas ideas emprendedoras de todos os sectores industriais e coa colaboración de Zona Franca creáronse en dous anos 256 empresas”, lembra Kim Martínez, que explica que o proxecto se ampliou en 2014 cun contedor chamado Natureza, “que non é outra cousa que o mandato da ONU de 2007 a través dos ODS e Axenda 2030 e aí incluímos todo o tema de igualdade, sostibilidade, accesibilidade”. Coa chegada da pandemia, arrincaría o espazo chamado Comunidade, no que, en colaboración con universidades, fundamentalmente a mexicana de Guadalajara, e “ por suposto a UVigo, porque é a nosa casa”, sinala Martínez, se está a traballar na análise dos cambios sociais e de oportunidades que está a vivir a xeración que cando estallou a crise financeira de 2010 tiña sobre 25 anos. “Hai uns cambios sociais e de oportunidades que temos que traballar porque lles tocou unha crise económica, unha pandemia e teñen realmente dificultades para acadar esa plenitude. Para nós é moi importante nesta Comunidade traballar na análise e ver metodoloxías de comportamento, porque o que está en perigo é a preservación da saúde mental de toda unha xeración”, detalla o CEO de Esmerarte e director de PortAmérica.

No caso da UVigo, o traballo relacionado cos ODS forma parte do seu ADN, materializándose no caso da igualdade ou sostibilidade en liñas mestras da institución e tamén integrándose no seu Plan Estratéxico. “Os ODS forman parte do noso Plan Estratéxico e moi especialmente a sositibilidade e a igualdade que son liñas mestras e tamén a cultura galega”, sinalou o reitor en funcións, que explicou que este convenio abre unha porta a  colaboracións futuras, “porque partillamos moitas destas ideas. A igualdade é unha bandeira de primeiro nivel; os temas de sostibilidade cobran cada vez máis importancia e neste mandato esperamos dar avances significativos”, dixo Manuel Reigosa, que manifestou a súa satisfacción pola sinatura do convenio.  

Precisamente, no marco da colaboración institucional con Esmerarte, a Universidade de Vigo sortea hoxe seis entradas individuais para PortAmérica entre os membros da comunidade universitaria. O sorteo desenvolverase ao longo do día de hoxe, luns 30 de maio, ata as 23.59 h.

Portabilidade de contidos con América

Lori Meyers, Baiuca, Nathy Peluso, Rozalén, Xoel López, Natalia Lacunza, Viva Suecia, Coque Malla, Amparonia e Mikel Erentxun son algúns dos artistas e grupos que porán a música na 10ª edición de PortAmérica, na que Pepe Solla será o comisario do ShowRocking no que tomarán parte, entre outros, as e os chefs Lucía Freitas, Eneko Atxa, Begoña Rodrigo, Andoni Luis Aduriz, Vicki Sevilla e Javi Olleros. Moita música e gastronomía cumprirán unha edición máis coa filosofía coa que PortAmérica foi creado e que xa está implícito no seu nome. “PortAmérica significa portabilidade de contidos con América e o que facemos é intercambiar música e gastronomía e isto produce a visibilización dunha mensaxe que levamos de transfondo que é que levamos anos reforestando os montes con especies autóctonos, creando cortalumes; políticas de igualdade, charlas de sostenibilidade, etc”, enumera Kim Martínez, para quen PortAmérica “é o noso espazo onde devolver á comunidade a nosa capacidade, aínda que soe un pouco soñador, de colaborar para que este mundo sexa un pouco mellor”.

No mesmo sentido, o reitor da UVigo lembra que a institución académica “está sempre coa man tendida e disposta e mellorar súa oferta e capacidade de facer cousas coa sociedade e encamiñada coas liñas estratéxicas que neste caso partillamos”, ao tempo que lembra que, os galeguistas da primeira etapa dicían que “Galicia debe ser unha semente de universalidade, e todo que sexa actuar para que traspase a fronteira dun e doutoro lado, é benvido”, di Reigosa.