DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada aberta ao público o 5 de xuño, que poderá seguirse a través de Campus Remoto

Dirección e Xestión Pública reunirá representantes de doce universidades para afondar nos retos do ensino virtual

Incidirase en aspectos como as competencias do profesorado ou o fomento da participación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Pontevedra 29/05/2024

No curso 2020-2021, o Grao en Dirección e Xestión Pública convertíase no primeiro do sistema universitario galego en contar cunha modalidade virtual, que convive desde entón co grao presencial e co mestrado, tamén virtual, en Dirección Pública e Liderado Institucional, nunha facultade caracterizada polo carácter “híbrido” dos seus estudos. Co obxectivo precisamente de “debater sobre os desafíos do ensino virtual nas universidades públicas presenciais”, a Facultade de Dirección e Xestión Pública promove o vindeiro mércores 5 de xuño unhas xornadas que reunirán responsables e expertos de doce institucións académicas españolas.

Coordinadas polo vicedecano de Virtualización e Innovación Educativa, Xosé Mahou, trátase dunhas xornadas abertas ao público, que se levarán a cabo de xeito virtual a través de Campus Remoto e que permitirán debater sobre aspectos como as competencias do profesorado, a innovación nas metodoloxías de ensino ou o fomento da participación do alumnado. Baixo o título de A universidade presencial pública ante o reto da virtualización, o seu obxectivo é ofrecer unha visión integral do “reto” que supón “a convivencia entre a universidade presencial e a docencia virtual”, nun “panorama de constante transformación”, como sinala o seu responsable.

Da preparación do profesorado á participación do alumnado

A primeira mesa das xornadas estará centrada, como apunta Mahou, nas “competencias que debe posuír” o profesorado destas titulacións e contará coa participación de Carlos Santiuste e Ricardo Vergaz, vicerreitor e vicerreitor adxunto de Infraestruturas da Universidad Carlos III; Jorge Vega, director do centro tecnolóxico Intecca da UNED, María Gómez, directora do Departamento de Experiencia e Tecnoloxía Educativa na Área de Docencia da Universidad Internacional de La Rioja (UNIR); María Sánchez, técnica da Área de Innovación e Ensinanza Virtual da Universidad Internacional de Andalucía (UNIA), e Mildred Guinart, directora do eLearn Innovation Center da Universitat Oberta de Catalunya (UOC).

En segundo termo, a xornada porá o foco nos “retos das coordinacións académicas de títulos non presenciais”, nunha mesa que reunirá os responsables de tres titulacións virtuais do ámbito da xestión pública que se imparten en universidades presenciais. Concretamente, neste foro intervirán Enrique Varela, decano da facultade pontevedresa; David Ruano, coordinador do Grao de Xestión e Administración Pública da Universidad de Zaragoza; e Juan Antonio Rodríguez, coordinador do Grao en Ciencia Política e Xestión Pública da Universidad de Burgos, xunto coa profesora da Rey Juan Carlos de Madrid Isabel Bagaza. 

Pondo o foco na propia actividade académica, as xornadas buscarán abordar unha cuestión que, como recoñece Mahou, faise “máis difícil” nos títulos virtuais, como é fomentar o traballo en equipo do alumnado, “principalmente, pola escasa relación que existe entre os compañeiros e compañeiras”. Esta análise “das metodoloxías máis apropiadas” e de como impulsar actividades grupais "nas que se fomenten a participación, confianza, motivación e sentimento de pertenza” correrá a cargo dos docentes da UVigo Almudena Alonso, Antonio Fernández e Manuel Caeiro e a técnica da UNIA María Sánchez.

Nun momento no que a demanda deste tipo de estudos é “cada vez maior”, como apunta Mahou, a xornada pecharase cun debate sobre o “futuro dos servizos de docencia virtual” nas universidades presenciais, no que participarán o director do Secretariado de Recursos Dixitais e Innovación docente da Universidad de Cádiz, Andrés Muñoz; a directora do Centro de Formación de Persoal da Universidade de Santiago, Isabel Muñoz; o director da área de formación virtual da Universidad de León, Mario Grande, e o director do Centro de Ensinanza Virtual da Universidad de Burgos, Victor Abella.