DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto Alganat2000 promove unha actividade gratuíta e aberta a todos os públicos 

Divulgación científica e cociña, a perfecta maridaxe para un sábado no mercado do Progreso

O chef galego Iván Méndez incorporará novos ingredientes ás receitas tradicionais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Cultura
DUVI 28/06/2019

Maridaxe de algas e cociña con divulgación científica. Ese é o reto que este sábado, a partir das 12.30 horas, acometerá o chef galego Iván Méndez no mercado do Progreso de Vigo, ao abeiro do proxecto de investigación Alganat2000 da Universidade de Vigo. A demostración culinaria (showcooking), na que colaboran o propio mercado, o Concello de Vigo e o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia é gratuíta e está aberta a todas as persoas que ata as 14.00 horas se acheguen á planta baixa do mercado.

Mentres o chef Iván Méndez incorpora ás receitas tradicionais novos e sorprendentes ingredientes, investigadoras e investigadores dos grupos de Ecoloxía Costeira e de Xeotecnoloxías Aplicadas da Universidade de Vigo, que participan no proxecto Alganat, contarán algunhas curiosidades sobre as algas, a tecnoloxía aplicada para a súa monitorización, así como algún detalle sobre o proxecto de investigación no que traballan. 

Unha ferramenta xeoespacial coa que cartografíar as macroalgas

 A Universidade de Vigo, en colaboración co Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e a Fundación Biodiversidade, está a desenvolver nas illas Cíes o proxecto Alganat2000, que achegará unha ferramenta xeoespacial, innovadora e de baixo custo coa que cartografiar e monitorozar de forma periódica as macroalgas e o seu estado fisiolóxico, contribuíndo a unha mellora na xestión integral do parque baseada no coñecemento. Isto supoñerá unha diminución do custo das mostraxes de campo, unha xestión global do espazo natural, unha melloría na frecuencia temporal de mostraxe e a integración de todos os datos en sistemas de información xeográfica que se poden nutrir doutro tipo de datos xeoespaciais.

Cun importe total duns 194.000 euros, Alganat2000 conta cun financiamento público do 75% coa colaboración da Fundación Biodiversidade e do Ministerio para a Transición Ecolóxica a través do programa Pleamar, que está cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP).