DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A institución e Xunta asinan o convenio para a cesión de tres plantas do inmoble en Pontevedra

Docencia, investigación e transferencia centrarán os usos que a Universidade dará ao edificio de Benito Corbal

Ambas administracións financiarán as obras de acondicionamento

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 13/09/2019

Como unha “peza mestra” dentro do Campus Crea definiu o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, as tres plantas que a Xunta de Galicia porá a disposición da institución académica no rehabilitado edificio administrativo de Benito Corbal en Pontevedra. O reitor e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinaron este venres na sede de Vicerreitoría o convenio de colaboración entre Universidade, Vicepresidencia e Consellería de Administracións Públicas e Xustiza e Consellería de Facenda para a cesión das plantas 5ª, 6ª e 7ª deste inmoble á institución académica. Segundo recolle o convenio, a Universidade achegará 350.000 euros ao financiamento das obras de acondicionamento destes espazos, que a Xunta sacará a licitación conxuntamente cos da 8ª planta, dedicada á Fundación Manolo Moldes, e que suporán un investimento conxunto de entre 900.000 e un millón de euros. O novo edificio “vainos permitir mellorar a nosa posición en canto a docencia, investigación, desenvolvemento e transferencia cara as empresas”, salientou Reigosa respecto dos futuros usos duns espazos cuxo acondicionamento debería completarse ao longo do vindeiro ano, segundo explicou Rueda.

Maior presenza na cidade

O vicerreitor do campus, Jorge Soto, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, acompañaron a reitor e vicepresidente na sinatura deste convenio, na que tamén estivo presente o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez. “Para nós, estas plantas son importantísimas, disporemos dun importante número de metros cadrados no centro de Pontevedra, nunha situación que nos vai permitir ten unha presenza máis activa e máis continua na cidade”, salientou Reigosa, que defendeu a importancia de que a institución académica “sexa un actor relevante na vida cultural, social e económica da sociedade na que nos inserimos”. 

Respecto dos futuros usos que a Universidade dará o inmoble, o reitor anunciou que se realizará unha presentación específica unha vez rematadas as obras de acondicionamento, “pero xa podo avanzar que vainos permitir mellorar a nosa posición nas tres liñas básicas do que ten que facer unha universidade”. Por unha banda, o inmoble contribuirá a “mellorar as nosas posibilidades educativas e de formación”, á vez que permitirá “dotar de máis músculo ao I+D de Pontevedra”, así como “traballar moito mellor coas empresas e institucións” da contorna. Con respecto a este último punto, Reigosa avanzou que se habilitarán espazos de “coworking e cooperación” co tecido empresarial, xa que “está no ADN desta Universidade desde a súa creación tender pontes coa iniciativa privada”, polo que se buscará promover a colaboración entre os grupos de investigación do campus coas empresas da contorna. 

A Xunta licitará as obras en outubro

Na súa intervención, o vicepresidente da Xunta amosou a súa satisfacción porque a administración autonómica poida “colaborar dun xeito decisivo para que a Universidade de Vigo se asente aínda máis na cidade”. Coa sinatura deste convenio e a posterior licitación das obras de acondicionamento das súas plantas superiores, apuntou Rueda, completaríase a rehabilitación deste antigo edificio administrativo, que destinará as súas plantas inferiores, xa acondicionadas, aos servizos de emprego e a diferentes asociacións. No relativo ás plantas 5ª a 8ª, “estase acabando de concretar o proxecto”, de tal xeito que estes traballos sairán a licitación “antes de que remate outubro”, comprendendo esta tanto as tres plantas dedicadas á Universidade como a que se converterá na sede permanente da fundación dedicada ao artista e profesor da Facultade de Belas Artes, falecido en 2017, Manolo Moldes. Unha vez adxudicados, estes traballos terían un prazo de execución de “arredor de nove meses”, explicou Rueda, polo que deberían estar rematados ao longo do 2020 para pór a disposición da Universidade tres plantas que, “por motivos de limitacións legais”, cederanse por un período de 20 anos prorrogable.

Aposta pola especialización

Reigosa puxo tamén o foco na súa intervención en que Pontevedra conta cun campus “cunha especialización moi acaída e que ten moito que ver coa co espírito da cidade” e cunhas titulacións que están a ter “unha acollida excelente”. Neste proxecto do Campus Crea, lembrou tamén o reitor, “encaixa como unha luva” o futuro grao en Deseño e Creación, que segue a “dar os pasos necesarios” para  a súa implantación. A preguntas dos xornalistas, o reitor explicou que este xoves a Xunta de Titulación aprobou por unanimidade a proposta do plano de estudos, que o vindeiro martes trasladarase tanto ao Consello de Goberno como ao Consello Social da Universidade. “A Consellería de Educación deunos un prazo adicional para presentala e teño a esperanza de que poida comezar a impartirse o vindeiro curso”, engadiu.

Respecto da posibilidade de incorporar novas titulacións ao campus pontevedrés, Reigosa lembrou que “o mapa de titulacións está pechado” tralo acordo acadado o pasado mes de xullo entre as tres universidades galegas e a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. “Estamos traballando internamente para incrementar a oferta de títulos en Pontevedra e son absolutamente optimista sobre que, dentro desa filosofía de especialización dos campus, sexamos quen de traer titulacións que completen a oferta do campus”, engadiu Reigosa, quen matizou que isto non comezará negociarse “ata dentro dun máis dun ano”. Non obstante e no marco dunha aposta por ampliar a “oferta de formación ao longo da vida”, Reigosa apuntou tamén que a futura sede de Benito Corbal contribuirá a que “poidamos facer unha oferta de títulos adicionais”, máis aló das titulacións de grao e máster. 

Por outra banda, con respecto á futura implantación dunha universidade privada en Galicia, Reigosa lembrou que a normativa autonómica “é das máis estritas” neste eido, de tal xeito que esta entidade “non pode repetir títulos que xa se impartan” no sistema universitario público. “Teño plena confianza en que a oferta que faga eventualmente esa universidade privada ou calquera outra teña títulos que veñan a complementar a oferta que facemos desde as universidades públicas”, afirmou Reigosa, que sostivo que “nunca temos medo da competencia, estamos satisfeitos coas nosas fortalezas e imos ser quen de seguir formando á mocidade galega”.