DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A estrutura pode verse no Pazo da Cultura e reúne diferentes contidos sobre arte e natureza

Docentes do campus crean un “museo portátil” para o Salón do Libro

Foi deseñado por Begoña Paz, Itziar Ezquieta e Covadonga Barreiro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 06/05/2021

Fotografías, pezas escultóricas, obras pictóricas, publicacións e catálogos reunidos nunha estrutura móbil que fai posible o cambio de emprazamento e de contidos. Esa é a base do “museo portátil” que as profesoras das facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Belas Artes Begoña Paz, Itziar Ezquieta e María Covadonga Barreiro deseñaron, en colaboración coa asociación Paspallás, para o XXII Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Trátase, como sinala Paz, dunha “estrutura moi versátil e transformable” que nestas semanas pode contemplarse no Pazo da Cultura cunha serie de contidos ideados por estas tres artistas e docentes en torno á idea de “arte e natureza”. 

De acordo coa temática da presente edición do salón, que leva por título Emerxencia literaria! Os libros salvan o planeta, Paz, Ezquieta e Barreiro crearon unha serie de pequenas pezas que xiran en torno á idea “da arte para salvar o planeta”, como explica Paz. “Foi un traballo conxunto, realizado cunha finalidade didáctica, pero tamén artística”, engade a docente deste museo portátil. Baixo o título de O recuncho da arte, esta estrutura expositiva reúne “exercicios de obra” como unha serie de pequenas esculturas “realizadas con elementos naturais recollidos na praia”, unha serie de anacos de “restos de barco” que poden empregarse “para crear todo tipo de composicións escultóricas ou pictóricas” ou un “foto-cadro” que propón unha “análise plástica dunha maroma”. Xunto ao mar, a reflexión sobre a paisaxe constitúe outro dos eixes dos contidos creados para este espazo, no que presentan “unha reinterpretación” do cadro de Caspar David Friedrich O camiñante sobre o mar de nubes, unha composición que reúne postais de viaxe coa idea de promover unha reflexión sobre os efectos do turismo no medio ambiente ou unha obra, realizada con anacos de madeiras de barcos, coa que“xogando coas texturas e cores creamos unha nova paisaxe”.  

Ao mesmo tempo e no marco da liña de traballo que desenvolven arredor da “arte portátil”, Paz, Ezquieta e Barreiro buscaron tamén que nesta estrutura estivesen presente outras dimensións do espazo museístico, como a de taller, con propostas de actividades, ou a de arquivo, a través dun espazo que reúne diferentes publicacións. Trátase, como sinala Paz, dun conxunto de “habitáculos que poden conter distintos elementos relacionados coa creación” e que deseñaron xunto con Paspallás e o arquitecto e alumno de doutoramento de Belas Artes Diego Germade, co obxectivo de “sirva nos próximos anos como un espazo no que poder expor diferentes tipos de obras”. Este museo portátil será de feito o eixo do obradoiro artístico-ambiental que Paz e Ezquieta impartirán na tarde deste venres no marco do programa de actividades do salón.

Vídeo didáctico do alumnado de Belas Artes

Tamén no marco das actividades do Salón do Libro Infantil e Xuvenil, difundirase a través das redes sociais do evento o vídeo Debuxeto, realizado polos estudantes de Belas Artes Francisco José Fernández, Ana Micaela Fernández, Laura Ferro, Antón Iglesias e Raúl Ordoñez e no que presentan unha “actividade artística orientada a nenos e nenas”, como explica Paz. Esta peza foi seleccionada de entre os diferentes vídeos realizados polo alumnado no marco da materia Transmisión, mediación e educación artística, na que, dada a situación provocada pola covid-19, Paz convidou ao alumnado a desenvolver unha proposta de “actividade plástica que os nenos e nenas puidesen facer de forma autónoma nas súas casas”.