DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As sesións, de acceso público, serán o martes 22 e 29 de setembro a través de Campus Remoto

Docentes de Dereito do Traballo organizan un seminario web sobre os cambios laborais xerados pola covid

Tratarán temas como o teletraballo, o ingreso mínimo vital e as políticas de emprego e desemprego

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Saúde
  • Académica
D. Besadío DUVI 21/09/2020

Compartir co alumnado e co resto de persoas interesadas as principais novidades e desafíos do dereito laboral na era covid. Este foi o obxectivo co que os docentes da Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social organizaron para os vindeiros martes 22 e 29 de setembro un seminario web co que tratarán “de facer unha aproximación aos cambios que se produciron no ámbito do traballo como consecuencia da situación xerada pola pandemia, así como tamén aos novos retos que se formulan no marco laboral coa xeneralización do teletraballo ou a conciliación laboral e familiar, só por citar un par de exemplos”, explica a directora da xornada, a profesora Rosa Rodríguez Martín-Retortillo.

O seminario, de carácter totalmente virtual, vai dirixido ao estudantado, pero está tamén aberto á participación de calquera membro da comunidade universitaria ou de fóra dela que desexe coñecer estes cambios e tendencias normativas que afectan ao ámbito laboral. Intervirán diferentes docentes expertos nas materias a tratar, todas e todos membros da Área de Dereito do Traballo da propia Universidade de Vigo. “Trataremos aspectos tan esenciais como o ingreso mínimo vital ou a actual situación dos ERTEs, cuestións de gran actualidade sobre as que é necesario reflexionar e debater”, recalca Rodríguez, ao que engade que a idea de organizar esta actividade xurdiu o pasado mes de xuño como consecuencia dos numerosos cambios que se estaban a producir no ámbito laboral e a súa regulación .

O seminario divídese en dúas sesións

A primeira sesión será mañá martes ás 16.00 horas e nela vaise contar coa participación da profesora Nora Martínez, que falará sobre diferentes aspectos relacionados coa regulación do emprego; Alexandre Pazos e Francisca Fdez Prol, centraranse, pola súa banda, no teletraballo, e Marta Fernández Prieto realizará unhas primeiras valoracións sobre o ingreso mínimo vital. A previsión é que as intervencións rematen arredor das 17.20 horas, momento no que se abrirá unha quenda de debate.

O vindeiro martes día 29 o programa inclúe a intervención do catedrático Jaime Cabeza, que falará sobre políticas de emprego e desemprego; de Belén Fernández Docampo, que analizará as cuestións relacionadas coa prevención de riscos, hixiene industrial e covid 19, e Emma Rodríguez centrarase nas cuestións que teñen que ver coa conciliación da vida familiar e laboral. Ao igual ca na xornada previa, a actividade pecharase cun pequeno debate arredor dos temas tratados.

Inscricións

As persoas interesadas en participar neste seminario web deben inscribirse enviándolle un correo electrónico á directora das xornadas (rosarodriguez@uvigo.es) e será ela a encargada de facilitarlles a clave de acceso ao Campus Remoto da UVigo e, máis concretamente, á aula virtual da sala de xuntas 2 da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, que é onde se vai desenvolver. O prazo para anotarse manterase aberto ata mañá a mediodía.

Esta xornada encádrese dentro do conxunto de actividades que se están a levar a cabo pola Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da UVigo no marco das Axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas, na modalidade para Grupos con potencial de crecemento, das que este grupo foi beneficiario en 2019.