DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada enmarcada nun proxecto promovido pola UVigo e a Deputación de Pontevedra 

Docentes de secundaria e universitarios debaten sobre como concienciar nas aulas da situación do galego 

A investigación busca achegar ferramentas para o ensino dos contidos de ‘Lingua e sociedade’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Lingua Galega
  • Investigación
DUVI Pontevedra 17/11/2022

Definir ferramentas e propostas que permitan mellorar o ensino da situación sociolingüística do galego nas aulas de secundaria e contribuír a que o alumnado comprenda a situación de minoración na que se atopa o idioma son dous dos obxectivos do proxecto Lingua e sociedade no ensino secundario obrigatorio e no bacharelato. Práctica docente, formación, expectativas de futuro, demandas e propostas de mellora entre o profesorado, que investigadores da Universidade de Vigo desenvolven ao abeiro dun convenio coa Deputación de Pontevedra. Co propósito de coñecer como se traballan nos institutos os contidos do bloque Lingua e sociedade e coñecer as demandas e expectativas do profesorado da materia Lingua galega e literatura, os investigadores da UVigo realizaron unha serie de entrevistas a docentes, que este xoves se vén complementadas polas visións que tanto profesorado de diferentes institutos como docentes universitarios achegan na xornada de reflexión e debate Lingua galega e sociedade na educación secundaria, que ten lugar no Pazo Provincial. 

“Estamos nun contexto de minoración lingüística notoria e evidente e fai falta achegar ferramentas de concienciación para contribuír á recuperación do galego”, sinala o coordinador desta investigación, o profesor Fernando Ramallo, que incide en que esa necesidade de “gañar falantes” para o galego require dun paso previo, “a concienciación da necesidade de gañar falantes”. De aí que o propósito central deste proxecto sexa definir propostas de mellora para a práctica docente no referido a un bloque, o de Lingua e sociedade, que ten presenza ao longo de todo o ensino secundario e que centra os seus contidos na situación situación sociolingüística do idioma e na diversidade lingüística. Financiado con 17.000 euros pola Deputación de Pontevedra, o propósito deste proxecto é “indagar en como se están a ensinar e aprender" estes contidos, atendendo as “experiencias, traxectorias, expectativas, demandas e propostas” do profesorado, co propósito de “reflexionar sobre posibles melloras” que contribúan ao seu ensino desde unha “perspectiva descritiva, pero tamén crítica”. Deste xeito contribuiríase “concienciación” do alumnado, sinala o profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución, que incide non obstante en que mudar a situación de “desigualdade” do idioma “é un desafío moi complexo, que non é responsabilidade unicamente do sistema educativo”. 

Catro mesas de debate

Como xornada de peche deste proxecto, o Pazo Provincial acolle este xoves un encontro dirixido a “profundar no coñecemento crítico e dialéctico da relación entre lingua e sociedade en Galicia, poñendo o foco no fortalecemento da lingua galega no sistema educativo”. Estruturada en catro bloques, esta xornada arrancou cunha primeira mesa centrada en analizar “as focaxes sociolingüísticas dominantes na docencia e investigación universitarias”. Moderada por Ramallo, esta primeira mesa contou coas intervencións dos profesores da Universidade de Santiago de Compostela Bieito Silva e María López Sández e do director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVigo, Xosé Henrique Costas. “Nós contribuímos á formación do que profesorado de secundaria. Isto é un bucle e tamén ter que haber cambios na universidade”, salientou Ramallo.

Pola tarde, a xornada celebrou o seu acto de apertura, coa participación da deputada provincial de Lingua, María Ortega, quen subliñou que a escola, tanto primaria coma secundaria, é "o alicerce do futuro do idioma", xa que é a poboación máis nova a que "vai facer que a lingua se manteña, permaneza viva e se asente máis do que está". Para Ortega é fundamental unha revisión fonda da actual política educativa verbo da lingua galega nos centros públicos e privados e desenvolver iniciativas para potenciar o uso do galego tamén fóra das aulas. Salientou que non se pode  aceptar a situación actual, que conduce na práctica a un abandono progresivo do galego, e subliñou que o corpo docente da lingua galega é fundamental para a promoción da lingua na mocidade. Nese sentido, deu os parabéns a todas as profesoras e profesores involucrados no estudo da UVigo, porque “a pesar de ser minoría”, permiten avanzar no ensino do idioma, sacar conclusións, tomar decisións e chegar a solucións que muden a situación actual. 

Tras este acto, a xornada continúa con tres novas mesas, centradas no ensino-aprendizaxe sociolinguístico no ensino obrigatorio desde distintas perspectivas, tomando como punto de partida os datos obtidos nas entrevistas realizadas a unha trintena de docentes no marco deste proxecto. Doce profesores e profesoras de instituto (representantes dos IES Salvaterra do Miño, IES Fonmiñá, IES Terra de Turonio, IES Alexandre Bóveda, IES Pedro Floriani, IES San Paio, IES Chapela, IES Coruxo, ES Monte Carrasco, IES Johan Carballeira, IES Castelao, e IES de Poio) interviron ao longo da tarde nas tres mesas de debate que completan unha xornada que pode seguirse de xeito virtual e que foron moderadas por Ramallo e os tamén investigadores da UVigo Xabier Benavides e Luís López Alonso. 

Da análise á divulgación

Esta xornada insírese no traballo que un equipo de sociolingüísticas vén desenvolvendo nun proxecto que comprendeu en primeiro termo unha revisión curricular e lexislativa relacionada co bloque de Lingua e sociedade e na realización de entrevistas ao profesorado responsable das materias de lingua e literatura nos institutos da provincia. Tras contactar, como explicou Ramallo, con máis de 300 docentes, este traballo permitiu a realización de 33 entrevistas en profundidade a profesores de diferentes institutos da provincia, ás que se suman outras dez a profesorado das tres universidades galegas. Estas constitúen, como sinala Ramallo, unha “fonte fundamental de datos para a nosa reflexión e análise”, á que se suman as conclusións que se obteñan ao longo desta xornada e que contribuirán tamén ao “informe final do proxecto”. 

Así mesmo, o proxecto comprende tamén a elaboración dunha guía didáctica, orientada a secundaria, “na que recollemos propostas que complementen o ensino de módulo de Lingua e sociedade no ensino obrigatorio”, explica Ramallo da que será a fase final dun proxecto que “constitúe un paso máis da campaña En Galego! Investigación e divulgación científica da UVigo".