DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ambas propostas xorden do proxecto europeo Atlantic CultureScape, coordinado en Galicia pola UVigo

Un documental e un roteiro porán en valor o patrimonio inmaterial da Guarda vencellado ao mar

O venres 17 estrearase a peza audiovisual e o sábado 18 o percorrido pola contorna marítima da vila

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 13/06/2022

A tres meses do seu remate, o proxecto europeo Atlantic CultureScape presentará esta próxima fin de semana en A Guarda algúns dos resultados dos case tres anos de traballo a prol da recuperación do patrimonio inmaterial mariño e marítimo deste concello. En concreto, trátase de dúas pezas audiovisuais e dous roteiros de experiencias que poñen en valor o traballo das persoas vencelladas ao mar, os seus coñecementos e as infraestruturas da contorna.

Neste proxecto, cofinanciado polo Programa Interreg Atlantic Area a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, están implicadas seis rexións do arco atlántico: Galicia, Cantabria, Andalucía e Río Maior en Portugal así como zonas de Gales, Irlanda e Irlanda do Norte. En cada unha destas zonas estase a desenvolver unha parte específica do proxecto e, en concreto, a participación galega está coordinada pola Universidade de Vigo e céntrase na recuperación e posta en valor do patrimonio intanxible da vila da Guarda e no concepto de "atlanticismo”. Á fronte do equipo, que traballa en colaboración con entidades e colectivos da vila guardesa, está a profesora Pilar Muñoz, do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade, que explica que “A Guarda ten un rico patrimonio cultural inmaterial, vinculado sobre todo co mar e a nosa pretensión non foi outra que poñelo en valor e, a través del, fomentar a actividade económica no sector servizos nese concello”. 

Así, este venres estrearanse as pezas audiovisuais sobre as redeiras e sobre a carpintería de ribeira dirixidas por Xisela Franco e o sábado presentarase en sociedade un dos dous roteiros que percorren a contorna costeira da vila.

Atalaia / Piueiro

A primeira cita será o venres ás 20.30 horas no Centro Cultural da Guarda onde se proxectarán as curtas Atalaia e Piueiro, dúas pezas creadas pola cineasta e profesora da Facultade de Belas Artes Xisela Franco. Esta será a súa segunda proxección, tras a estrea o pasado mes de marzo na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE). Deste xeito, a autora pecha o círculo estreando ambas creacións na vila que as protagoniza: A Guarda. 

Nestes dous documentais Franco aproxímanse ao mundo do mar desde a etnografía experimental, achegando unha visión entre o documental e a poesía sobre o mundo das redeiras e sobre a carpintería de ribeira. Para a primeira proposta contou coa colaboración da Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia, mentres que na segunda peza traballou man a man coa Asociación de Embarcacións Tradicionais O Piueiro. Ambas creacións tratan de dar visibilidade ao patrimonio inmaterial da vila, de crear emocións arraigadas ao territorio e á súa xente, de facer poesía e antropoloxía audiovisual. Ademais, nesta cita proxectarase material inédito como son as gravacións que non foron empregadas para as pezas ou aquelas de arquivo cedidas por diferentes familias veciñas da vila. 

Á xornada asistirán as asociacións protagonistas de Redeiras do Baixo Miño Atalaia e de Embarcacións tradicionais O Piueiro, que pecharán a xornada cun faladoiro aberto á participación do público. A xornada é de balde até completar a capacidade da sala.

A Guarda, porto de mar. A Guarda, porto de ribeira

Froito deste proxecto tamén se deseñaron dous roteiros de experiencias que se recollen todo o patrimonio ligado ao mar construído e sostido polas persoas que habitaron e habitan A Guarda. Estas dúas propostas, que transcorren unha pola vertente atlántica da vila e outra pola beira do Miño, son o resultado das investigacións patrimoniais levadas a cabo de forma participativa e conxugan tradición, paisaxe, gastronomía, cultura e patrimonio. Ambas xogan, como explica Pilar Muñoz, “coa situación xeográfica da vila mariñeira”, de modo que o río Miño, o monte Santa Trega e o océano Atlántico “preséntanse como paisaxes que custodian o territorio da Guarda”.

En concreto, o sábado 18 terá lugar a presentación oficial da ruta A Guarda, porto de mar, un percorrido de 4,3 km e de baixa dificultade que transcorre entre a cetaria Agrelo e a cetaria Redonda e permite coñecer en profundidade a vinculación da Guarda co mundo do mar. Este percorrido permitirá coñecer diferentes dimensións desta relación tan estreita, descubrindo a historia das cetarias, o funcionamento da lonxa, o oficio das redeiras, as embarcacións tradicionais, a talasonimia, o proceso de secado do peixe, a arghacería ou as marcas mariñeiras do contradique do porto son algúns dos aspectos que trataremos na ruta.

O roteiro, dunha duración aproximada de dúas horas e media, partirá da cetaria de Agrelo ás 11.30h e estará guiado pola comunidade local. Para inscricións e máis información, as persoas interesadas deberán contactar ao e-mail da Asociación Xuliva Historia e Paisaxismo [ xulivaguarda@gmail.com],  asociación local encargada de organizar o evento. Esta actividade tamén é de balde até completar o aforo de 45 prazas. 

O segundo roteiro, pendente aínda de presentación, percorre a vertente fluvial da vila, á beira do río Miño, para coñecer o esteiro, o porto da Pasaxe de onde parte o transbordador ata Caminha, as carpinterías de ribeira, a pesca da lamprea, as salinas rupestres ou as zonas relacionadas co estraperlo durante o século pasado.

O reto: a continuidade do proxecto

Con estas dúas actividades, que se realizan en colaboración  co Concello da Guarda e as asociacións Redeiras do Baixo Miño Atalaia, Embarcacións Tradicionais O Piueiro e Xuliva, o proxecto Atlantic CultureScape achégase á súa finalización. E faino, destacan os seus coordinadores “deixando os seus obxectivos cumpridos e unha recua de actividades de socialización e visibilización da paisaxe da vila mariñeira, da súa historia e do seu patrimonio material e inmaterial, como eixes sostibles e xeradores de economía na vila”. Con todo, a profesor Pilar Muñoz sinala que o reto que agora se presenta é darlle continuidade a todo o traballo desenvolvido nestes tres anos. “Non podemos esquecer que estamos a falar dun proxecto europeo, financiado con cargo aos fondos Interreg da Unión Europea, coa finalidade de desenvolver experiencias turísticas baseadas no patrimonio cultural da área atlántica. As rutas de experiencias deseñadas formarán parte dunha ruta europea, xunto con aquelas outras do resto de socios europeos do proxecto”.