DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizados por persoal investigador de Ciencias Empresariais e Turismo

Dous estudos achéganse á relación entre a atención plena e o termalismo

Están centrados nos beneficios desta práctica para turistas e residentes

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
DUVI Ourense 09/07/2018

Ante o auxe nos últimos anos da atención plena, tradución do termo en inglés mindfulness, persoal docente e investigador da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo ven de realizar varios primeiros estudos sobre a súa relación co termalismo, concretamente sobre a súa influencia en turistas e residentes, tendo en conta o proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga. 

Os traballos foron realizados por Lorena Rodríguez Campo, Elisa Alén e José Antonio Fraiz partindo da consideración da atención plena como un tipo de toma de conciencia centrada no presente e na cal “os pensamentos, emocións ou sensacións que emerxen no campo atencional son recoñecidos e aceptados tal e como son”. 

Influencia en turistas

O primeiro dos estudos leva por título Influencia das experiencias turísticas de meditación e consciencia na satisfacción e intención de repetir dos turistas termais. “O concepto de mindfulness denota un estado mental que facilita a aprendizaxe e onde a experiencia tende a ser positiva. É por isto que nos últimos anos comeza a aplicarse na investigación do turismo ao tratar de entender como certos tipos de experiencias de turismo poden resultar beneficiosas para cultivar unha mellor saúde mental e benestar”, comentan as e o autor do traballo. 

Nesta investigación realizouse unha enquisa autoadministrada a turistas tras ter unha experiencia termal en Ourense no mes xuño de 2017, recolléndose en total 59 enquisas en distintas zonas termais da cidade. “O propósito desta investigación foi analizar como inflúen as experiencias turísticas de meditación e consciencia no contexto termal na satisfacción e intención de repetir das e dos turistas termais en Ourense”. Os resultados “amosan que unha maior atención plena leva un maior nivel de satisfacción e conduce á intención de repetir a experiencia termal nese mesmo destino”, subliñan as autoras e o autor do traballo.

Entre outros resultados deste primeiro estudo, as investigadores e o investigador de Ciencias Empresariais e Turismo apuntan aspectos como que as persoas enquisadas valoran positivamente a importancia da contorna natural na que se ubican as distintas zonas termais da cidade”, que “eran conscientes dos olores, sons e sentimentos que a auga termal favorecía” e que “estaban abertos á experiencia do momento”, ademais de resaltar a ausencia de elaboración de xuízos, suxeríndose un bo nivel de introspección por parte das e dos turistas.

Influencia en residentes

O segundo dos traballos realizado leva por título O termalismo como unha experiencia de atención plena: innovación social para o benestar psico-emocional e físico dos residentes de Ourense. A metodoloxía empregada foi tamén unha enquisa autoadministrada a residentes tras ter unha experiencia termal en Ourense no mes de xuño de 2017, recolléndose en total 93 enquisas en distintas zonas termais da cidade.

“O propósito desta investigación foi analizar a experiencia termal como unha práctica de atención plena para ser empregada como unha innovadora intervención terapéutica na sociedade ourensá, pola súa contribución ao benestar psico-emocional e físico”, sinalan os responsables do traballo. Os resultados acadados, subliñan Rodríguez, Alén e Fraiz, “amosan que existe unha relación positiva significativa entre a atención plena practicada a través da experiencia termal e os efectos beneficiosos existentes no momento presente, salientando a relaxación física, a diminución do nivel de tensión e a redución do nivel de ansiedade”. 

As e os enquisados, detallan, tamén neste caso valoraron positivamente a importancia da contorna natural durante a experiencia termal. En contraposición, apuntan as e o investigador, “non prestan especial atención á respiración ao pasar a través do seu corpo durante a experiencia termal”. Outros resultados recollidos no estudo son que “non se atopan diferencias significativas na atención consciente entre os que asisten ás termas sos ou os que van acompañados” e que a única variable sociodemográfica do termalista que ten diferencias estatisticamente significativas entre grupos á hora de valorar a atención plena é o nivel de estudos. 

En ambos traballos, as autoras e autor sinalan que se tratan de primeiros estudos sobre as áreas de interese xa que as mostras obtidas non son representativas da poboación en xeral, amosando a súa intención de darlle continuidade no futuro. Os resultados obtidos neles foron publicados no libro de actas do II Simposio Internacional de Termalismo e Calidade de Vida onde foron presentados e onde o primeiro deles acadou un dos premios do simposio organizado no marco do Campus da Auga.