DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Doados polo IES Luis Seoane, un dos promotores da súa candidatura a Árbore Europea do Ano

Dous “fillos do carballo de Santa Margarida” medrarán no campus

Anacos das súas pólas formarán parte da xiloteca da EE Forestal

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI Pontevedra 01/12/2022

Con máis de 500 anos de historia e situado na parroquia pontevedresa de Mourente, o carballo de Santa Margarida é un dos sete candidatos para representar a España na elección da Árbore Europea do Ano 2023, grazas á candidatura impulsada pola Asociación Cultural do Sentir do Carballo de Santa Margarida, xunto co IES Luis Seoane. Coincidindo co período de votación para a elección da candidata española neste concurso, representantes deste instituto visitaron este xoves a Escola de Enxeñaría Forestal, á que doaron unha serie de pezas procedentes dunha das pólas desta árbore centenaria. Así mesmo, este centro educativo tamén doou á Universidade dous “fillos do carballo", dúas árbores nacidas hai un ano a partir das súas landras e que, pasado un tempo nun viveiro, pasarán a formar parte do arboreto do campus pontevedrés.

A vicerreitora do campus, Eva Lantarón, a subdirectora da EE Forestal, Ángeles Cancela, e o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, participaron este xoves neste acto de entrega, xunto a Carlos García, director do IES Luis Seoane; María Xosé Dourado, vicedirectora; Isabel Panadero, responsable do Club de Ciencias deste instituto, e un grupo de alumnas de terceiro e cuarto da ESO. 

Anacos de “historia viva” que enriquecen a escola e o campus

Por unha banda, o IES Luis Seoane doou á Universidade dúas plantas nacidas o pasado ano de landras desta árbore que levan o nome de Carolo e Xoeira, como explicaron as súas alumnas deste instituto, que, xunto á asociación, desenvolve en torno ao carballo un “proxecto sostible e circular”, Escrita con Zume, que engloba un conxunto de actividades educativas en diferentes áreas. De feito, os dous exemplares entregáronse acompañados duns carteis feitos cunha tinta realizada a partir de bugallos da árbore, xunto cun texto que explica a orixe dos seus nomes, xurdidos da compilación de expresións en galego que frei Martín Sarmiento realizou no século XVIII. 

Estas dúas plantas “manteranse un tempo nun viveiro co propósito de que crezan e de darlles un pouco de robustez e despois serán plantadas no campus e poderemos dicir que temos dous fillos do carballo de Santa Margarida, que é historia viva”, salientou Lantarón. Nese senso, a vicerreitora puxo en valor o proxecto educativo que desenvolven no instituto de Monte Porreiro en torno a unha árbore “que forma parte da historia do noso país”. De feito, lembrou que “a lenda que hai sobre a carballeira” da que formaba parte di que as súas árbores serviron para construír a Santa María, unha das carabelas coas que Colón descubriu América. 

Así mesmo, a EE Forestal recibiu neste acto unha serie de pezas procedentes dunha póla que o carballo perdeu o pasado verán e que pasarán a formar parte da xiloteca do centro. “Para nós é moi importante ter aquí anacos do carballo de Santa Margarida, porque non tiñamos ningunha árbore tan antiga e moito menos da nosa cidade”, salientou Cancela, que expresou o agradecemento do centro por unha doazón que permitirá que “todo o mundo poida ver” as pólas. Estas pasarán a formar parte da xiloteca da escola, unha colección que reúne máis de 400 táboas de madeira pertencentes a máis dun centenar de especies, xunto con outra serie de elementos e unha “sección de pezas especiais” da que pasarán a formar parte estes restos do carballo, como explicou Torres, impulsor dun espazo inaugurado en 2018. 

Votación aberta ata o 10 de decembro

“Desde sempre, a Escola de Enxeñaría Forestal colabora con instituto en todos os nosos proxectos educativos”, salientou Dourado, que lembrou nese senso o apoio prestado desde o centro, “nos aspectos técnicos e na información sobre o estado no que se atopa a árbore”, nos trámites para solicitar unha subvención que permitise realizar unha serie de actuacións nun exemplar que forma parte do catálogo de árbores senlleiras da Xunta. “Polo tanto, era un dos primeiros sitios aos que había que traer uns fillos do carballo de Santa Margarida”, engadiu Dourado, que lembrou que ata o 10 de decembro permanece aberto o período de votacións para escoller a candidata española á árbore do ano. Estas, sinalou, lévanse a cabo a través dunha web, sendo necesario que as persoas escollan tanto unha árbore como un bosque e confirmen posteriormente o seu voto a través do correo electrónico.