David Fernández foi un dos integrantes da selección española, adestrada por Daniel Rivera
Dous integrantes da EXP-UVigo acadan o cuarto posto no Campionato do Mundo de xadrez para persoas cegas
O primeiro equipo do club universitario, subcampión da División de Honra da Liga Galega de Xadrez
Xadrecistas con discapacidade visual de 21 países participaron na localidade montenegrina de Petrovac no Campioniato do Mundo da IBCA, a asociación internacional de xadrez en braille, no que España logrou o cuarto posto. Fíxoo cunha selección da que formaba parte o integrante da Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo David Fernández e adestrada polo tamén deportista do club universitario Daniel Rivera. O equipo español sumou cinco vitorias, dous empates e dúas derrotas nesta competición por equipos, na que Polonia alzouse co título mundial, seguida polos combinados de Ucraína e Serbia.
Unha vitoria, catro táboas e catro derrotas foi o balance de Fernández Lago nas nove roldas dunha competición á que España acudía cun equipo que completaban Daniel Eduardo Pulvett, Roberto Clemente, Gavril Draghici e Piedad Esmeralda Sánchez.
Subcampións da División de Honra
Ademais deste mundial, nos últimos días disputábase tamén a derradeira xornada da Liga Galega de Xadrez, que o primeiro equipo do club universitario pechou como subcampión da División de Honra. O Xadrez: Estratexia pola Paz medíase nesta última rolda ao líder da máxima categoría, o Xadrez Ourense, que se proclamaba campión tras o seu empate (3-3) co equipo pontevedrés, que precisaba vencer por 6-0 para alzarse co campionato. “0 3-3 era un resultado que nos daba matematicamente o subcampionato, pero ese non era o obxectivo. A vista non estaba posta no retrovisor, senón cara adiante”, salienta o capitán, Pablo García, dun enfrontamento no que a EXP-UVigo rematou sumando tres puntos, grazas ás vitorias dos xogadores do filial David García e Bernardo Rebollo e os empates dos mestres FIDE Alberto Portela e Rubén Fernández.
Nese senso, García, destaca o “extraordinario desempeño” dos deportistas máis novos do club universitario, que contou ao longo desta tempada con “incontables baixas”, que levaron ao “axuste semanal” de todos os equipos. Pese a iso, sinala, os diferentes equipos do EXP-UVigo completaron unha destacada participación nas diferentes categorías da liga galega, co ascenso do EXP-Zona Informática na Terceira División, un descenso e “asegurando equipos en todas as categorías do xadrez galego unha tempada máis”.
Ademais, do primeiro equipo, nesta última xornada competiron tamén os tres representantes do club na Primeira División; o EXP-Concello de Pontevedra, que acadaba a salvación grazas ao seu empate e á vitoria acadada no seu mesmo grupo polo EXP-Non á violencia de xénero. Noutro dos grupos, o EXP-UVigo pechaba a liga cunha derrota.
