DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É unha iniciativa das tres universidades galegas e as lusas de Porto e UTAD

O doutoramento en Ciencias Sociais e Envellecemento, listo para impartirse o vindeiro curso académico

Este martes celebrouse de xeito virtual o primeiro foro do proxecto POCTEP no que se enmarca

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Saúde
  • Académica
DUVI Ourense 23/11/2021

Entre a nova oferta educativa prevista para o vindeiro curso académico 2022/23 na Universidade de Vigo está o Programa de Doutoramento en Ciencias Sociais e Envellecemento. A iniciativa, na que participan as tres universidades galegas lideradas pola UVigo e as lusas de Porto e Trás-os-Montes e Alto Douro, xorde no marco do proxecto  Universidade sem Fronteiras (UNISF), que este martes celebrou de xeito virtual o seu primeiro foro.

O proxecto Universidades Sen Fronteiras, do Programa de Cooperación Transfronteiriza POCTEP, está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e o seu obxectivo é impulsar o desenvolvemento de titulacións conxuntas de posgrao entre as tres universidades galegas e as lusas de Minho, Porto e Trás-os-Montes e Alto Douro. O seu primeiro foro anual, organizado coa Fundación Centro Estudos Euro-Rexionais Galiza-Norte de Portugal (CEER), reuniu a axentes académicos e da administración pública e empresariais coa idea de expor os avances no proxecto facendo fincapé no carácter innovador da experiencia UNISF no ámbito da cooperación educativa transfronteiriza e transnacional.

O foro arrancou coas intervencións de Ángel Miramontes, director do CEER, e de Rui Vieira de Castro, reitor da Universidade de Minho, e cunha conferencia de Ricardo Costa, presidente da Associação Empresarial do Minho. A actividade continuou coa exposición por parte das súas entidades líderes das titulacións conxuntas que se están a crear no marco deste proxecto. Para explicar o Programa de Doutoramento en Ciencias Sociais e Envellecemento interviron Alexandra Lopes, da Universidade de Porto, líder da titulación, e José María Faílde, profesor da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense que lidera a participación das universidades galegas nesta iniciativa académica.

40 prazas e cinco liñas de investigación

Segundo explicou José María Faílde, o programa xa rematou a súa tramitación con éxito e está listo para comezar a impartirse no curso académico 2022/2023 por parte das cinco universidades participantes, as de Porto, Trás-os-Montes e Alto Douro, Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo. A súa posta en marcha, indicou, responde ao reto que supón tanto para Portugal como para España as altas taxas de envellecemento, envellecemento que, recalcou, non se debe interpretar como un problema senón como un desafío e unha conquista social e sanitaria. Co obxectivo de pór a investigación ao servizo dun envellecemento activo, o profesor da UVigo salientou que a nova titulación será única no Sistema Universitario Galego e que se prevé que teña unha alta demanda pola súa interdisciplinariedade e polo interese que ten para moitos outros sectores estratéxicos (como o sanitario, o tecnolóxico ou o económico).

Está previsto que o programa de doutoramento oferte 40 prazas para o conxunto das universidades asociadas ao mesmo, oito para cada unha delas, e que conte con 91 investigadoras e investigadores integrados en cinco liñas de investigación, que son os aspectos demográficos do envellecemento poboacional; a calidade de vida e o envellecemento activo; a diversidade funcional no envellecemento, innovación social e tecnolóxica; o xénero, as desigualdades sociais e o envellecemento e o impacto socioeconómico do envellecemento, a organización social dos coidados e as políticas públicas. O perfil de alumnado que pode estar interesado nesta formación, indican por último os seus responsables, é moi amplo no eido das ciencias sociais, abranguendo desde o perfil psicosocial ata o xerontolóxico.