DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Maider Barros e Aitana Santomé formaban parte das 14 integrantes da selección española

Dúas alumnas do campus álzanse co ouro no Campionato do Mundo Universitario de Balonmán

Tras derrotar a Francia na final do torneo disputado en Antequera

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 01/07/2024

Estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Aitana Santomé e Maider Barros vivían nestes días a súa primeira experiencia como xogadoras da selección española nunha competición de categoría absoluta. Tratábase do Campionato do Mundo Universitario – Fisu Championships, no que o equipo español lograba alzarse coa medalla de ouro tras derrotar a Francia na final. Alumnas do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e xogadoras do Balonmán Porriño, ambas viñan de tomar parte na mellor temporada na historia deste club, na que remataron cuartas na Liga Guerreras Iberdrola e afrontaban “con moitísima ilusión”, como sinalaban, a súa convocatoria para o mundial universitario.

Dirixidas polo seu técnico no Conservas Orbe Rubensa Porriño, Ismael Martínez, Barros e Santomé enfrontaron o torneo disputado ata este domingo en Antequera coa idea de chegar "o máis lonxe posible”, como sinalaba Santomé, ao concorrer ao torneo cun conxunto conformado por 14 xogadoras da máxima categoría do balonmán español. A selección iniciaba de feito o torneo universitario cunha ampla vitoria sobre India, á que derrotaba por 63-11 no primeiro partido da fase de grupos. Posteriormente medíronse á que sería a súa rival na final, Francia, nun partido no que España chegou perdendo 13-9 ao descanso e que rematou cun empate (27-27). Xa en semifinais, a selección universitaria lograba unha cómoda vitoria fronte á República Checa (27-14), logrando o seu pase para a final deste domingo. Nela, o equipo español logrou alzarse co ouro superando a Francia por 32-24, nun partido no que o equipo español abriu pronto distancias no marcador tras uns primeiros minutos “moi intensos e de moita igualdade”, segundo sinalaba a Real Federación Española de Balonmán. Deste xeito, España alzábase co ouro no mundial universitario por segunda vez na súa historia, tras o acadado en 2016, tamén en Antequera, e ao éxito da selección feminina sumábase a vitoria do equipo masculino, na primeira vez que España lograba estar presente á vez nas dúas finais deste campionato universitario.