DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Laura Forte e Noa Bernárdez foron as representantes da UVigo no torneo disputado en Xaén

Dúas alumnas de Pontevedra e Ourense logran o bronce no Campionato de España Universitario de Tenis de Mesa

Na competición feminina por equipos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Deportes
DUVI Pontevedra 30/04/2026

As e os deportistas da Universidade de Vigo continúan sumando medallas nos campionatos de España universitarios, que nestas semanas se desenvolven en diferentes universidades andaluzas. A máis recente, o bronce acadado na competición por equipos feminina do CEU de Tenis de Mesa pola estudante da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra Laura Forte a alumna da Facultade de Dereito de Ourense Noa Bernárdez.

Forte e Bernárdez foron as únicas representantes da UVigo no torneo que tivo lugar entre este martes e este xoves na Universidad de Jaén e que reuniu máis de 100 deportistas, en representación de 28 universidades. Como destacan desde a Área de Benestar, Saúde e Deporte da UVigo, tratouse dun campionato que “destacou tanto polo seu nivel técnico como polo seu volume de participación” e no que Forte e Bernárdez lograron a primeira medalla na competición feminina por equipos deste deporte na historia da UVigo. As estudantes dos campus de Pontevedra e Ourense completaron a fase de grupos no primeiro posto, para superar logo á Universidad de Sevilla nos cuartos de final. Nas semifinais, non puideron derrotar ao equipo da UCAM Murcia, que remataría alzándose coa medalla de ouro. A prata sería para a Autónoma de Madrid, compartindo Vigo o bronce coa Universidade do País Vasco (EHU).

A este podio sumouse, na xornada de peche do campionato, o quinto posto logrado por Forte, estudante do Grao en Educación Primaria, na competición individual feminina, na que a súa derrota nunha disputada eliminatoria fronte a Lucía Vidal, da Universidad de Granada, deixouna fóra da loita polas medallas.