DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Están formadas en total por 93 estudantes do campus

Dúas novas promocións de Ciencias Empresariais e Turismo celebran o remate dos seus estudos

O acto de graduación tivo lugar o venres no Auditorio

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Estudantes
DUVI Ourense 11/06/2018

A VII promoción do Grao en Turismo, formada por 47 estudantes, e a VIII promoción do Grao en Administración e Dirección de Empresas, formada por 46 estudantes, da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense celebraron este venres o seu acto de graduación. Acompañándoos nun momento tan importante da súa traxectoria profesional e persoal estiveron non só familiares, amigos e membros da comunidade universitaria senón tamén numerosas autoridades.

O acto contou coa participación de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia; Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, e Elena Rivo, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Os padriños externos das promocións foron Amancio López, director xeral e conselleiro delegado do Grupo Hotusa, e Victor Casal, director de Banca de Empresas e Pemes de Abanca. O padriño académico foi o profesor do centro Alberto Vaquero. “Queridos alumnos e alumnas, tras catro anos de formación, quero lembrarvos que isto non é un punto e final da vosa vida formativa, senón unha etapa nunha viaxe que apenas comeza. O título acredítavos unha formación superior que podedes, e debedes, ir consolidando e ampliando ao longo da vosa vida profesional. A facultade sempre estará aberta para todo o que necesitedes”, díxolle Elena Rivo ás dúas novas promocións do centro.