DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As e os xogadores do Auriense gañaron ao Turonia de Gondomar

Dúas vitorias en fútbol gaélico, dúas derrotas en baloncesto

O equipo masculino de baloncesto perdeu o seu primeiro partido de liga

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Deportes
  • Divulgación
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Ourense 19/11/2018

Esta fin de semana disputaron partidos de liga as categorías femininas e masculinas dos equipos de fútbol gaélico e baloncesto do campus de Ourense, tendo desigual sorte nos resultados. Mentres as e os xogadores do Auriense FG gañaron fronte ao Turonia de Gondomar, as e os xogadores de baloncesto perderon respectivamente contra o Arxil e o Xuven Cambados.

Fútbol gaélico

O equipo feminino do Auriense FG estreouse esta fin de semana nas instalacións do campus de Ourense ante o Turonia de Gondomar, equipo debutante na liga galega. As ourensás, que viñan de perder o primeiro encontro nun axustado marcador contra as favoritas da categoría, o Estrela Vermella, afrontaban o encontro co obxectivo de acadar a súa primeira vitoria e conseguírono. “Con igualdade dende o primeiro minuto e intercambio de golpes, o equipo local estivo por diante practicamente todo o encontro, pero as rapazas de Gondomar nunca lle perderon a cara ao partido, tendo sempre a opción da remontada. Cun final de infarto, o resultado caeu do lado local por un 6-11 (29) fronte a 5-09 (24)”, comentan desde o Auriense.  

Polo que respecta á categoría masculina, desde o club de fútbol gaélico ourensán sinalan que “nun partido igualado os primeiros cinco minutos, o Auriense mostrouse contundente e sentenciou o partido antes de chegar ao descanso, cunha vantaxe de 20 tantos. A intensidade do partido foi decrecendo no segundo tempo ata chegar ao final cun resultado para os locais de 8-19 (43) fronte a 0-09 (09)”. Foi, indican desde o club, unha tarde de fútbol gaélico con grande ambiente nas gradas, debido a que durante as últimas semanas, xogadoras e xogadores do equipo acudiron a centros educativos da contorna para explicar este deporte e promocionalo entre a mocidade ourensá.

Baloncesto

Xa en baloncesto, os equipos do campus sumaron cadansúa derrota nos partidos disputados o sábado. A categoría masculina perdeu na súa visita ao Xuven Cambados na primeira división autonómica por un axustado marcador de 72-66, manténdose con catro vitorias e unha derrota no que vai de liga no primeiro posto da táboa. Na primeira división autonómica feminina, as xogadoras do campus sumaron na casa unha derrota, perdendo ante o Arxil por 56-64. Con este resultado sitúanse terceiras na táboa, con catro vitorias e dúas derrotas.

Participación universitaria na XLII San Martiño

Na xornada do domingo tivo lugar a XLII edición da San Martiño ourensá, carreira que percorre o centro da cidade nun traxecto homologado de 10 km. Como é tradición deu comezo e tivo chegada na Ponte Vella, de onde saíron miles de corredores entre os que se atopaban catro integrantes do equipo da Universidade de Vigo de atletismo e carreiras populares. O clima acompañou nesta ocasión na que os atletas da UVigo remataron nos seus tempos habituais.