DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Zona Franca e Universidade asinaron hoxe a ampliación da cátedra, que acada os 150.000 euros 

Ecobas deseñará unha metodoloxía sobre xestión de talento para a Cátedra Ardán

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Universidade e empresa
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 20/01/2020

A Cátedra Ardán amplía o seu orzamento ata acadar os 150.000 euros, así coma os indicadores que analiza, incorporando un centrado na xestión do talento, que permitirá, a través dunha metodoloxía deseñada pola agrupación estratéxica Ecobas da Universidade de Vigo avaliar os procesos dentro das empresas para atraer, formar, motivar e reter o talento. O delegado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, asinaron este luns a ampliación da cátedra, que destacou o delegado “nos últimos anos foi unha ferramenta para fortalecer a economía de toda Galicia”, ao tempo que incidiu no elevado grao de complementariedade de Zona Franca coa institución académica viguesa para elaborar instrumentos que permitan medir e establecer ferramentas sobre o desempeño por parte do tecido empresarial galego de factores directamente relacionados coa competitividade. Pola súa banda, o reitor vigués agradeceu a confianza de Zona Franca na Universidade e reiterou a visión compartida de ambas institucións “sobre o papel das institucións públicas para facilitar a vida das persoas, xerar máis riqueza e facelo mellor desde o mundo empresarial e desde as administracións, que vai supoñer unha mellor para todo o tecido económico y social galego e para as e os traballadores”.

Ademais de incrementar o seu orzamento pasando dos 120.000 aos 150.000 euros e introducir o deseño dunha nova metodoloxía sobre xestión de talento, a ampliación da cátedra asinada esta mañá contempla o deseño dunha ferramenta en liña baseada na composición do indicador de igualdade de xénero,  xa implementado, “que permitirá que as empresas coñezan e tomen referencia sobre a súa situación nesta dimensión e establecer unha pauta para que a nivel empresarial galego sexamos quen de mellorar este indicador que levamos meses prestando”, dixo David Regades. Neste sentido, o delegado do consorcio asegurou que factores como a igualdade de xénero, a economía circular ou os salarios de eficiencia son claves para a sostenibilidade das empresas a longo prazo. “Estas novas investigacións céntranse no factor humano e en Zona Franca e na Universidade o maior activo das empresas e da provincia son as os traballadores  estas ferramentas son para mellorar o factor humano, elemento determinante e diferenciador”, explicou Regades.

A necesidade de reter e atraer talento 

Ecobas (Economics and Business Administration for Society) é a agrupación estratéxica dos grupos de investigación de referencia no ámbito da economía e a empresa da Universidade de Vigo que se encargará do deseño dunha nova metodoloxía sobre xestión de talento, que permitirá avaliar os procesos dentro das empresas para atraer, formar, motivar e atraer talento. Sobre este novo indicador que se incorporará á Cátedra Ardán, o delegado de Zona Franca asegurou que “hai moito talento en Pontevedra, en Galicia e en Vigo e ese talento hai que retelo e a industria debe ser quen ademais de atraer talento de fóra”. 

Tanto Reigosa, como Regades, gabaron o traballo de Ecobas, a quen o reitor se referiu como “seguramente a mellor agrupación estratéxica que ten que ver coa economía de toda a universidade galega”, ao tempo que avanzou que se están a poñer as base para que chegue a ser un centro singular de investigación. Mentres, o delegado de Zona Franca felicitou a Ecobas polo seu traballo, confirmando que serán catro os catedráticos e 15 as e os investigadores que participarán na elaboración do novo indicador que sobre xestión de talento se incorporará á Cátedra Ardán.