DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Consello de Goberno aprobou por asentimento a reforma da agrupación estratéxica

Ecobas inicia o camiño cara a súa transformación en centro interuniversitario

Na sesión tamén se deu luz verde aos premios extraordinarios de doutoramento  

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 14/05/2021

A ata agora a única agrupación estratéxica galega no ámbito xurídico-social Ecobas (Economics and Business Administration for Society) transformarase, previsiblemente a final deste curso ou inicio do vindeiro, nun centro interuniversitario. O Consello de Goberno da UVigo aprobou por asentimento na súa sesión ordinaria de hoxe a creación do novo centro que estará integrando por investigadoras e investigadores das tres institucións académicas galegas e non por grupos de investigación de Vigo e A Coruña, como ata agora. “A dinámica diaria cambiará radicalmente deste o punto de vista de que ata agora eran grupos de investigación os que se reunían na agrupación e agora son investigadores, e non é que ti sexas dun grupo ou doutro, o que vai primar é que un comité externo cuns criterios claros e transparentes vai permitir a asignación de investigadores ao centro”, explica  Carlos Hervés, catedrático da UVigo e coordinador de Ecobas, que detalla que, a adscrición ao centro realizarase en función de méritos específicos como sexenios de investigación, capacidade de transferencia ou colaboración coa formación. En termos cuantitativos esta transformación traducirase en que dos máis de 150 investigadoras e investigadores cos que a agrupación conta na actualidade, o centro interuniversitario quedaría integrado por entre 50 e 80 investigadores e investigadoras, entre os que destacan 16 garantes, ou investigadores excelentes, entre os que Hervés menciona a Xavier Labandeira, María Loureiro, Santiago Lago, Coral del Río ou Xosé Henrique Vázquez.

A aprobación por asentimento da creación do centro interuniversitario Ecobas foi un dos puntos aprobados hoxe polo Consello de Goberno, no que tamén se aprobou a proposta de concesión dunha vintena de premios extraordinarios de doutoramento e a modificación parcial da relación de postos de traballo (RPT) do PAS laboral, con 30 votos a favor de 10 abstencións. 

Na procura dun centro de referencia internacional

Gañar en financiamento, en capacidade para optar a proxectos europeos ou na posibilidade de captar talento investigador novo, así como incrementar a proxección nacional e internacional, son para Carlos Hervés as vantaxes máis destacadas da transformación da agrupación estratéxica Ecobas en centro interuniversitario, logo de que a Xunta de Galicia así o determinase. “Calidade da investigación, transferencia e formación, cun mestrado e un programa de doutoramento interuniversitario”, son segundo o catedrático os piares sobre os que se asenta Ecobas, que recentemente incorporaba a investigador Mario Pansera, “que vén cunha ERC e un proxecto H2020”, e a dous investigadores distinguidos do programa Beatriz Galindo. En canto ao que o coordinador de Ecobas considera o principal logro da agrupación desde a súa creación en 2015, Hervés explica que “os avaliadores externos da proposta inicial sinalaban como déficit do proxecto o desequilibrio entre as áreas de economía e empresa (con máis peso nas de economía) e agora si existe un desequilibrio sería a favor das de empresa. É nestas áreas onde agora estamos acadando maiores éxitos en proxectos europeos”, detalla.  

Na sesión de Consello deste venres a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, sinalou que “se converter nun centro de excelencia do SUG nos ámbitos da investigación da en economía e empresa, apoiándose tamén noutras ramas das ciencias sociais (dereito e psicoloxía, fundamentalmente)” é o principal obxectivo do centro Ecobas, que traballará sobre unha axenda científica centrada na xestión sostible dos recursos e economía circular; a economía do cambio climático e a transición enerxética; a competitividade, innovación, finanzas e emprendemento e economía da sociedade e do benestar. Pola súa banda, o reitor agradeceu o traballo desenvolvido estes anos polas persoas que integraron a agrupación estratéxica, en especial Carlos Hervés e María Loureiro, e asegurou que “agora pasamos a outro nivel e creo que será un centro de referencia a nivel internacional”, asegurou Reigosa.  

Premios extraordinarios de doutoramento e modificación parcial da RPT do PAS laboral 

Outro dos acordos adoptados hoxe por asentimento polo órgano de goberno da UVigo foi que un total de 20 doutoras e doutores da UVigo reciban os premios extraordinarios de doutoramento 2019-2020 que outorga a institución académica viguesa. 12 dos galardóns corresponden a mulleres e os oito restantes a homes, mentres que por ámbitos de coñecemento sete son do científico e outros tantos do xurídico-social, tres do da enxeñaría-arquitectura e os tres restantes de arte e humanidades.

Noutra orde cousas, na sesión deste venres aprobouse con 30 votos a favor e 10 abstencións a modificación parcial da relación de postos de traballo (RPT) do PAS laboral, un proceso negociado entre a Xerencia e os comités de empresa de Pontevedra, que lle deu o seu apoio, e o de Ourense, que emitiu informe desfavorable. A xerenta da UVigo, Raquel López, defendeu a aprobación da modificación “co fin de poder convocar un concurso de traslados entre o PAS laboral fixo, e así executar a RPT publicada no ano 2016, e posteriormente posibilitar as tomas de posesión das persoas que superaron os procesos selectivos que finalizaron neste ano 2021, e que sen esta modificación da RPT non sería posible nalgunha categoría”. Así mesmo, a modificación aprobada contempla a eliminación do carácter de responsable daqueles postos da RPT vacantes por decaer o concurso de méritos convocado no ano 2017, así como as observacións que figuraban noutros postos de asignar este complemento de responsabilidade mediante concurso. ”Como consecuencia da eliminación das responsabilidades, reorganizase a área de tecnoloxías de información e comunicación (ATIC) creando un área única, sen prexuízo dunha posterior reorganización”, explicou a xerenta, que tamén destacou a creación dun posto de auxiliar técnico de servizos na unidade de conserxería do Edificio de Facultades e Pavillóns no campus de Ourense e a regularización do complemento de dispoñibilidade horaria dos auxiliares técnicos de actividades deportivas.

Desde o comité de PAS laboral de Ourense, Luis Pérez, lembrou que as modificacións da RPT figuran los estatutos e nos convenios, “pero isto fíxose en 2019 e non é o que marca, nin os estatutos, nin o convenio”. Pérez, tamén aludiu para xustificar o informe contrario do comité de Ourense á necesidade de que se produza unha reorganización, previa negociación, da área TIC. Pola súa banda, Carlos Mollinedo, sinalou a ambigüidade dos informes da Xerencia e do comité de empresa, mentres que Marcos Estevez respaldou a posición do comité de empresa da Pontevedra. O presidente da Xunta de Persoal, pola súa parte, confirmou a súa abstención na votación, ante a existencia de informes desfavorables, ao tempo que defendeu unha reestruturación da RPT laboral e funcionario “porque é un desastre de organización”, dixo Xan Cebro.