DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o último informe de conxuntura do Foro Económico

A economía galega encadea dez trimestres consecutivos con taxas de crecemento interanuais iguais ou superiores ao 3%

O incremento é superior ao estatal e o da UE

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 19/06/2018

O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Gen da Universidade de Vigo, presentou este martes o II Informe de Conxuntura Socioeconómica de 2018. Da análise das contas económicas e os indicadores de conxuntura do primeiro trimestre do ano, as e os expertos destacan como a economía galega encadea dez trimestres consecutivos con taxas de crecemento interanuais iguais ou superiores ao 3%, acadando no primeiro trimestre de 2018 un aumento do 3,1%, porcentaxe similar á dos últimos trimestres de 2017.

O documento, coordinado por Fernando González Laxe, foi presentado no Centro Social Abanca, en Santiago de Compostela, por Santiago Lago, Patricio Sánchez, Sara Fernández e José Francisco Armesto. O incremento recollido no documento, sinalan en nota de prensa desde o Foro Económico de Galicia, “é unha décima superior á media española estimada polo INE e supera ao rexistrado na zona euro (2,5%) e na Unión Europea (2,4%)”. 

Segundo recolle o informe, o crecemento agregado do PIB en Galicia segue caracterizándose polo equilibrio das achegas positivas da demanda interna e da externa. “A significativa contribución da demanda interna, que se sitúa en 2,6 puntos, o valor máis elevado dende o cuarto trimestre de 2007, pode considerarse como un dos aspectos máis salientables”, indícase no documento. Esta contribución, detallan desde o Foro Económico de Galicia, explícase tanto polo impulso do investimento (4,6% respecto ao mesmo trimestre do ano anterior) como pola mellora do consumo dos fogares, que acada unha medra interanual do 2,8%, a taxa máis elevada dende 2006. 

A demanda externa, engaden, contribúe cinco décimas ao crecemento do PIB, un punto porcentual menos que no mesmo período do ano anterior. Tanto as exportacións como as importacións presentan un crecemento igual ou superior ao 7%. “Dende o punto de vista da oferta, o aspecto máis destacado no informe é que todos os sectores contribúen de xeito positivo, salientando o bo comportamento do sector industrial (6,3%), e máis en concreto da industria manufactureira”, sinalan en nota de prensa desde o Foro Económico de Galicia.

O mercado de traballo

“Os grandes agregados do mercado de traballo galego manteñen unha tendencia razoablemente positiva, atendendo á evolución da ocupación e á caída do desemprego (especialmente no paro de longa duración)”, sinalan desde o Foro Económico de Galicia. Dunha banda, detallan en nota de prensa, as afiliacións medran un 2,7% respecto ao primeiro trimestre do ano anterior, fronte ao 1,6% no caso da poboación ocupada segundo a EPA e os postos de traballo equivalente. Doutra banda, o paro estimado descende un 14,1% e o rexistrado no servizo público de emprego un 11,2%. Segundo recolle o informe presentando este martes, no primeiro trimestre do ano os tres indicadores de emprego presentan taxas de crecemento inferiores á media estatal, mentres que o paro estimado pola EPA non só descende en maior medida que a media española, senón que se sitúa como a quinta con maior redución. 

Outros datos recollidos no II Informe de Conxuntura Socioeconómica de 2018 sinalan como a taxa de actividade galega descende ata o 53% e a taxa de ocupación ata o 45%, manténdose Galicia entre as comunidades autónomas cun valor máis reducido. Por contra, engaden as e os expertos, a taxa de paro redúcese ata o 15,1%, a porcentaxe máis baixa nun primeiro trimestre dende o ano 2009. “No actual contexto económico positivo persisten os elementos preocupantes sinalados en informes anteriores: a continua caída da poboación activa (especialmente grave no caso da poboación de 25 a 34 anos, máis dun 22% dende o primeiro trimestre de 2014), a menor capacidade de creación de emprego en comparación coa media española e o incremento da taxa de temporalidade”, recolle o documento.

Nesta ocasión xunto coa análise das contas económicas do primeiro trimestre do ano e a síntese estatística dos indicadores de conxuntura, o traballo compleméntase con comentarios sobre o Crecemento e innovación das empresas manufactureiras galegas, elaborado por Manuel Ángel Nogueira e Sara Fernández.