DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o último informe do Foro Económico

A economía galega medra un 2,3%

A cifra é unha décima inferior á do conxunto do estado

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Publicacións
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI Ourense 03/07/2019

Tras tres anos con taxas de crecemento iguais ou superiores á media española, a economía galega presenta un ritmo de crecemento do 2,3%, unha décima inferior á do conxunto da actividade económica de España. Con todo, o PIB galego segue a medrar por riba da media europea (1,5%) e da zona euro (1,2%). Estes son algúns dos datos recollidos no II Informe de Conxuntura Socioeconómica 2019, presentado este mércores polo Foro Económico de Galicia, que está coordinado desde o campus de Ourense polo grupo Governance and Economics Research Network (Gen).

O informe, que foi presentado no Centro Social Abanca de Santiago de Compostela, está elaborado por Fernando González Laxe, José Francisco Armesto, Patricio Sánchez e Santiago Lago. Segundo explican en nota de prensa desde o Foro Económico de Galicia, a ralentización da economía galega semella ir asociada a un cambio no patrón de crecemento atendendo ás achegas da demanda interna e externa. No referido á demanda interna, cunha achega positiva ao crecemento agregado do PIB de 3,3 puntos, desde a entidade indican que destaca “o mantemento do impulso do investimento (6,9%), así como o elevado dinamismo do gasto das familias, cun incremento do 3,4%, o valor máis elevado dende 2006”. No concernente ao saldo exterior neto, engaden, por cuarto trimestre consecutivo a demanda externa detrae puntos ao crecemento do PIB.

Crecemento por sectores

“Dende o punto de vista sectorial, o crecemento galego susténtase en boa medida no subsector de comercio, transporte e hostalaría, que medra un 6,8% respecto ao ano anterior, máis de tres puntos por riba da media estatal”, indícase desde o Foro Económico de Galicia. Asemade, engaden, rexístrase unha contracción do sector industrial no seu conxunto e da industria manufactureira en particular, o que contrasta co incremento rexistrado en España. No primeiro trimestre de 2019, a industria manufactureira contráese un 1,7%, a diferencia do que acontece en España onde a taxa de crecemento interanual sitúase no 1,2%, explican en nota de prensa desde a entidade. Os datos recollidos no informe “invitan a reflexionar sobre posibles cambios tanto na política industrial da Xunta de Galicia e os instrumentos aí definidos, como na estratexia de internacionalización aprobada e as políticas de I+D+i”, subliñan os autores do documento. Neste último caso, apuntan, a posición relativa de Galicia no índice rexional de innovación presentado pola Comisión Europea retrocede en relación ao conxunto do Estado, manténdose estable en relación a UE.

Mercado laboral

“O mercado de traballo galego mantén a súa tendencia positiva en termos de creación de emprego e redución do paro, se ben persisten as súas debilidades”, sinalan desde o foro. Este “bo comportamento” dos grandes agregados, detallan, trasládase aos fogares, rexistrándose unha evolución descendente tanto do número de fogares sen preceptores como de fogares galegos con todos os seus activos en situación de desemprego, así como o incremento daqueles onde todos os seus activos son ocupados. “No que á ocupación se refire cómpre resaltar que o emprego feminino presenta un mellor comportamento que o dos homes. Este incremento da ocupación prodúcese fundamentalmente no sector servizos, influenciado polo incremento nas actividades relacionadas coa hostalaría, servizos sociais e actividades”, din desde o Foro Económico de Galicia.  

Impacto do salario mínimo interprofesional

A aprobación por parte do goberno de España da suba do salario mínimo interprofesional ata os 900 euros a partir do mes de xaneiro pasado, indican desde o foro, “supuxo unha medida de calado dende o punto de vista político, social e, por suposto, económico”. Por esta razón, detallan, a entidade integrou neste informe dúas visións contrapostas sobre este tema. En primeiro lugar, José Antonio Neira, secretario xeral en funcións da Confederación de Empresarios de Galicia, analiza na súa achega “os efectos negativos dunha suba unilateral sobre a competitividade e a creación de emprego”. Pola súa banda, Manuel Lago, profesor da Universidade da Coruña e ex economista de Comisións Obreiras aborda “a eficiencia da medida en termos de mellora do benestar sen producir destrución de emprego, como se comproba nas fontes estatísticas empregadas na análise do mercado de traballo”.