DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dunha fonda reforma fiscal e unha maior socialización do capital

O economista Albino Prada reclama nun novo libro retomar a senda histórica de redución das horas de traballo semanal

A obra intenta completar a liña argumental do recoñecido economista francés Thomas Piketty

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Publicacións
  • Investigación
D. Besadío DUVI 26/04/2022

A finais do século XIX cada empregado a tempo completo traballaba unha media de 55 horas semanais pero, o paso dos anos e os conseguintes avances tecnolóxicos e sociais, foron producindo unha progresiva redución da xornada laboral ata situarse a comezos da década de 1980 en algo menos de 40 horas semanais. A partires de entón, esa liña progresiva e consecutiva de descenso na redución da xornada laboral a tempo completo freouse en seco e as cifras actuais, 40 anos despois, seguen a ser as mesmas.  Que está pasando co traballo? Pódese estimar un escenario de transición das 36 horas semanais actuais a 26 horas, apenas cinco diarias, sen desemprego e sen prolongar os anos de vida laboral? Estas son só algunhas das cuestións ás que tenta responder o profesor e investigador de Ecobas Albino Prada no seu novo libro Traballo e capital no século XXIMutacións, consecuencias, alternativas, unha obra na que o autor se mete de cheo na reflexión sobre o presente e o futuro do traballo asalariado.

Neste novo ensaio, editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, Prada defende con rotundidade a necesidade de protexer á sociedade fronte ao poder excesivo dos propietarios do capital, apostando por redistribuír o tempo de traballo e a riqueza obtida entre todos os cidadáns. Para conseguilo é necesario, ao seu xuízo, retomar a senda histórica de redución das horas de traballo semanais, sen aumentar os anos de vida laboral, e facelo sen erosionar as rendas e o benestar social do conxunto dos cidadáns. Nesta liña Prada reclama unha renda básica, unha profunda reforma fiscal e unha socialización do capital produtivo.

No proceso de documentación da obra tiveron, segundo recalca o autor, un papel determinante dúas das obras do francés Thomas Piketty, considerado un dos economistas máis influentes da actualidade: El capital en el siglo XXI (2014) e Capital e ideología (2019). “Na primeira realízase unha análise precisa do crecemento e concentración do capital e das súas rendas, pero apenas se dedican 40 páxinas de 650 a analizar o outro lado da ecuación: o traballo”, explica Prada, ao que engade que, “na aínda máis voluminosa” obra de 2019 só se dedican cinco páxinas das súas máis de 1200 a ese segundo polo indisoluble do capital: o traballo, que é, precisamente, no que el centra o seu ensaio. “Creo que modestamente completo unha perspectiva que está manca na obra de Piketty, no senso de que carece dunha parte necesaria, a análise do traballo”, subliña o investigador da Universidade de Vigo.

Que está pasando co traballo?

A primeira parte do ensaio analiza polo miúdo que está pasando co traballo. Por que nas últimas décadas deixou de reducirse de forma importante a xornada laboral?, Aínda máis, por que se esvae a separación entre traballo e tempo libre? A contratación a tempo parcial é unha solución? Por que se vende como inevitable a prolongación da vida laboral? Por que cada vez son máis as persoas que traballan sen un contrato laboral? Estas son algunhas das preguntas ás que o autor trata de responder. A argumentación xira arredor do abano de posibles solucións a todas esas preguntas, cuestións que xiran en torno a se é posible, ou non, que un país produza o mesmo traballando menos (horas e anos), como financiar os sistemas de pensións ou a maneira de encaixar unha renda básica nunha nova redistribución da riqueza e do traballo para xerala.

“Máis de 40 de cada 100 asalariados padecen dependencia extrema”

No escenario actual a robotización, a Intelixencia Artificial... fan que cada vez sexan necesarios menos traballadores pero, neste mesmo escenario, cada vez é máis frecuente a relación non salarial e máis dependente do capital. “Falo de menos dereitos, máis horas, máis anos –de 32 a 36 entre 2000 e 2020-“, explica o economista vigués, autor de numerosos ensaios divulgativos, o último publicado hai apenas un ano e que xiraba en torno aos conceptos de riqueza e benestar social. “Máis de 40 de cada 100 asalariados padecen en España dependencia extrema: temporal, parcial ou sen subsidio”, recalca Prada, quen non dubida en afirmar que se avanza cara a supresión do concepto de xornada laboral (contratos por tarefas, horas extra non remuneradas, etc.).

Na segunda parte da obra, Prada trata de responderse á  pregunta de se é posible xerar na sociedade actual a mesma riqueza cunha estrutura laboral máis igualitaria e inclusiva. Desde o punto de vista do autor, si é viable avanzar das 36 horas semanais actuais ás 26, “sen desemprego e sen prolongar os anos de vida laboral, sempre que os avances da produtividade non se apropien só polos donos do capital”.

Tres eixes de actuación para acabar co ‘neo- escravismo’ globalizado

Prada lembra no ensaio que, “se ben é certo que o Capital, nunca baila só, neste século XXI podería estar cambiando de parella”, pois agora, vestido de algoritmos, robots e Intelixencia Artificial, preferiría un neo escravismo globalizado (“sen horarios, sen soldos, sen fronteiras nacionais”) como novo compañeiro de baile,  “un baile e un ritmo ao que obrigaría a adaptarse aos minguados asalariados humanos, digamos canónicos,  que aínda precisan que o acompañen na súa nova coreografía produtiva”, subliña o economista da Universidade de Vigo. “Esta é a razón pola que neste breve ensaio incorro nun exceso de presunción ao parafrasear o título da monumental obra de Piketty. Vaia como xustificación que o meu foco está no outro lado da súa crítica ao Capital neste século XXI: na superación do traballo asalariado”, recalca o autor, quen centra a terceira parte do seu ensaio en describir os que considera tres eixes básicos de actuación para saír dese “neo escravismo”: unha redución xeneralizada da xornada laboral semanal para todos –de 36 a 26 horas-, unha renda básica universal incentivadora desa redución da xornada e unha desprivatización do capital (Piketty) cun sistema fiscal compatible.