DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Destacou o catedrático Onofre Contreras no Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e da Saúde

A educación física contribúe a un mellor rendemento escolar

O evento reúne desde este xoves en Pontevedra a máis de 270 asistentes procedentes de oito países

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 03/05/2018

A reivindicación dun maior peso da educación física nos currículos escolares foi este xoves un dos temas de debate do XIV Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e da Saúde, que entre este xoves e este sábado reúne no Pazo da Cultura de Pontevedra a preto de 270 asistentes procedentes de oito países. 15 conferencias e talleres integran o programa dun evento promovido polo Concello, a Vicerreitoría do campus, o Departamento de Didácticas Específicas da Universidade da Coruña e Sportis Formación Deportiva, que na conferencia inaugural, a cargo do catedrático da Universidad de Castilla La Mancha, Onofre Contreras, puxo o foco na “relación directa” entre educación física e a “mellora do rendemento académico”.

Expertos, alumnado e profesionais participan desde esta xornada nun congreso que conta con asistentes chegados dos diferentes puntos da xeografía española, así como de Colombia, México, Chile, Perú, Cuba, Brasil e Portugal, así como un “panel de conferenciantes dunha calidade máxima nos ámbitos da educación física, o deporte escolar, o rendemento deportivo ou a saúde”, como salientou no acto inaugural o director xeral do comité organizador, Víctor Arufe. Este docente da UDC estivo acompañado neste acto polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o vicerreitor do campus en funcións, Juan Manuel Corbacho; o presidente do comité organizador e profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte José Luis García Soidán, e a representante de Coca-Cola María Troncoso. “O congreso sendo eu aínda estudante de Ciencias da Actividade Física e do Deporte foi crecendo ano tras ano e creo que é xa un evento de referencia dentro de todo o Estado”, engadiu Arufe dunhas xornadas no que as conferencias e talleres se completan coa presentación de preto de 150 traballos en investigación nos formatos de pósters e comunicacións.

“As cifras falan por si mesmas”, engadiu Corbacho dunhas xornadas das que destacou a súa “visión transversal”, acorde co “espírito que estamos intentando implantar no campus”, así como a capacidade da organización de “reinventar” ano tras ano un evento que, como engadiu Fernández Lores, “chea de contidos unha cidade preocupada por este tipo de cuestións”, como son o deporte e a saúde.

Máis actividade, mellores notas

“Con carácter xeral fálase dos efectos beneficiosos do exercicio físico para a saúde, pero cando trasladamos iso ao currículo escolar, non se manifesta coa mesma nitidez”, apunta Onofre Contreras, quen defendeu na conferencia de apertura a importancia de dotar á educación física dunha maior presenza nos currículos escolares. Currículos que, sinalou, constitúen un “ámbito de competición entre as diferentes áreas par ver quen ocupa máis espazo”, o que pode levar a pensar “que se quitásemos horario ás materias, entre aspas, menos académicas poderíamos obter mellores resultados”. Unha hipótese que “en modo algún se confirma”, salientou este catedrático, que presentou os resultados da “metaanálise” realizada polo seu grupo de investigación de preto de 500 artigos de investigación que vinculaban actividade física e rendemento escolar en estudantes de primaria, secundaria e bacharelato.

Unha análise que o levou a incidir na “hipótese contraria, que se aumentamos as horas de actividade física mellora o rendemento académico”. Hipótese que os estudos avaliados confirman “claramente”, á vez que permiten concluír que é na actividade física “que vai de moderada a vigorosa” na que se atopa “unha relación directa máis positiva” co rendemento académico. Contreras lembrou tamén que outra serie de estudos abordan “as relacións entre actividade física e rendemento cognitivo”, amosando como “o sistema neuronal funciona mellor con individuos activos que con individuos pasivos” e o seu propósito neste senso era “poñer de manifesto” que isto se traduce tamén “nunhas mellores notas”.

Educación física para o novo milenio

Nunha xornada que albergou tamén unha mesa redonda centrada na educación física, o profesor do INEF de Barcelona Domingo Bláquez aborda esta tarde como esta materia “ten que axustarse ás esixencias do novo milenio”. Nun relatorio no que propón unha análise crítica sobre os contidos, metodoloxías e sistemas de avaliación desta materia, Blázquez incide “na necesidade de que a educación física se vincule á cidadanía e a corporeidade que o suxeito vai manter o resto da súa vida”, e que polo tanto debe buscar que as habilidades adquiridas non lle sirvan só na súa etapa escolar. Nese sentido, alerta da “desconexión entre o que a educación física proporciona” e as actividades que a cidadanía desenvolve fóra do ámbito académico. “Por exemplo, se analizamos os hábitos deportivos dos españois e facemos un repaso de cales son os deportes máis practicados polos adultos, dáste conta de que existe moi pouca conexión co que se ensina na educación física escolar”, sinala este experto, que avoga porque, máis aló de xerar hábitos, tamén se ensinan contidos, “que teñen que ser útiles”. Do mesmo xeito, Blázquez insta a reflexionar sobre o “tipo de metodoloxía que se utiliza ou o tipo de avaliación, moi vinculada coa condición física”, para promover no seu lugar unha avaliación “moito máis vinculada coa aprendizaxe”, así como metodoloxías coas que “o suxeito vexa que aquilo que aprende vaino levar consigo”.

Unha conferencia do profesor da Universidad de Las Palmas José Hernández sobre os obxectivos motores desta materia completa a primeira xornada dun congreso que este venres porá o seu foco en aspectos como o deporte educativo en Brasil, da man do profesor da Universidad Estadual de Maringá Vanildo Rodrigues, á vez que acollerá unha serie de talleres prácticos sobre exercicios de psicomotricidade para nenos, primeiros auxilios e gamificación ou adestramento de forza e potencia. Xa o sábado, o congreso completarase con catro novas conferencias nas que, entre outros temas, abordarase o adestramento deportivo para o alto rendemento, da man da investigadora da Universidad Manuel Fajardo de Cuba Beatriz Sánchez, ou a alimentación dos deportistas, no relatorio de clausura que impartirá García Soidán.