DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nuns obradoiros celebrados este mércores para alumnado do IES As Lagoas

Educación e Informática visibilizan o traballo das mulleres nas súas áreas

No marco da programación do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI Ourense 19/02/2025

A programación da Universidade de Vigo co gallo do 11F, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, continúa esta semana no campus de Ourense. Ao seu abeiro, este mércores a Facultade de Educación e Traballo Social e a Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) abriron as súas portas a arredor de 90 estudantes do IES As Lagoas da cidade. Con elas e eles desenvolveron diferentes actividades divulgativas que tiveron como obxectivo "dar visibilidade ao traballo das investigadoras destes centros e reverter a segregación por estereotipos de xénero nos estudos".

A actividade forma parte o plan anual de actividades Ciencia de Ida e Volta da Unidade de Cultura Científica e Innovación da UVigo, que conta coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia y la Tecnología- Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. Arrancou na Facultade de Educación e Traballo Social cunha benvida conxunta na que se presentou a facultade e a actividade no marco do 11F. Posteriormente, o alumnado dividiuse en pequenos grupos para a realización de obradoiros en diferentes espazos do Edificio de Ferro. O talleres foron de TICs educativas (robótica, gafas de realidade virtual, croma, etc) ao servizo dunha sociedade máis igualitaria; de radio a prol da coeducación (gravación de microespazos e propostas sobre corresponsabilidade social) e de experimentación no Laboratorio de Didáctica das Ciencias. Guiados por profesoras desta facultade, rapazas e rapaces tiveron a oportunidade de traballar estas temáticas dun xeito lúdico e aplicado.

Experiencias en primeira persoa

Á metade da mañá, as e os estudantes preuniversitarios achegáronse á aula magna da Escola Superior de Enxeñaría Informática para asistir a unha mesa redonda interactiva con mulleres de diferentes etapas na súa carreira formativa e profesional no eido tecnolóxico. Moderada pola profesora deste centro Alma Gómez, nela participaron Ana Abad, backend developer en Idealista; Milagros Fernández Gavilanes, profesora do Centro Universitario da Defensa e investigadora; Susana Gómez, CEO en Origami Soluciones; María Novo, profesora e investigadora da ESEI e as alumnas desta escola Antía Rodríguez e Enma Romero.

Nunha profesión e estudos aínda moi masculinizados, esta mesa só composta por mulleres, salientaron desde a súa organización, quixo ofrecer en primeira persoa “unha mostra do papel que a muller pode ter na profesión de enxeñaría informática, contorna na que o talento feminino está infrarrepresentado”. As relatoras, “profesionais de ampla experiencia que poden mostrar a realidade da profesión de enxeñería informática” e alumnas desta titulación, dialogaron sobre a súa visión sobre esta profesión, o papel da muller nela e os retos que enfronta. Ademais, falaron da carreira que pode desenvolver unha enxeñeira informática e de como as tecnoloxías dixitais poden mellorar a vida das persoas e contribuír ao desenvolvemento da sociedade.

Máis programación

Continuando coa celebración do 11F na UVigo, mañá xoves, o salón de graos Vicente Risco, no cuarto andar do Edificio de Ferro do campus de Ourense, acollerá unha charla na que catro investigadoras de diferentes xeracións compartirán as súas experiencias como mulleres na ciencia. Organizada pola Unidade de Cultura Científica, en colaboración coa Unidade de Igualdade, nela participarán Ana Gil, investigadora predoutoral centrada nos efectos da exposición forestal no sistema nervioso autónomo; Andrea Mouriño, investigadora posdoutoral que estuda as narrativas de xénero na Prehistoria e a súa transferencia; Nieves Lorenzo, catedrática da Área de Física da Terra e actual directora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo; e María Lameiras, catedrática na Área de Personalidade, Avaliación e Tratamentos Psicolóxicos no ámbito dos Estudos de Xénero e Sexualidade. Moderará o debate Yolanda Rodríguez, directora da Unidade de Igualdade da UVigo.