DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O centro inaugurou este mércores un espazo dirixido tanto á formación do alumnado como á sociedade

A EE Forestal reúne na súa xiloteca máis de 400 pezas de madeira de máis de 100 especies

Xunto con mostras de derivados e de produtos de uso enerxético

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI Pontevedra 19/12/2018

Máis de 400 táboas de madeira, pertencentes a máis dun centenar de especies arbóreas, forman parte da xiloteca da Escola de Enxeñaría Forestal, unha colección de madeiras que, grazas ás doazóns de empresas, institucións e particulares, o centro comezou a construír en 2014 e que nesta xornada celebrou a súa inauguración. Xunto con estas mostras, pertencentes a 77 especies diferentes de coníferas e 16 de frondosas, a xiloteca reúne tamén unha serie de mostras de derivados da madeira e de produtos de uso enerxético derivados deste recurso natural, así como unha serie de pezas especiais, como un anaco de piñeiro da Mata Nacional de Leiría, que, como lembrou o técnico da escola e impulsor desta xiloteca Luis Torres, “ardeu practicamente por completo” nos graves incendios forestais que afectaron a este distrito portugués en outubro de 2017 ou unha serie de 40 madeiras procedentes do departamento peruano de Ucayali doadas por tres estudantes da escola.

A xiloteca foi presentada este mércores nun acto dirixido a realizar un agradecemento público aos máis de 30 doantes que contribuíron a dotar de pezas a esta colección, entre os que figuran diferentes empresas do sector do moble; institucións como o Concello de Pontevedra, que doou as toras de madeira de tileiro e de cedro do Himalaia pertencentes a dúas árbores caídas no temporal de febreiro do pasado ano; como a Deputación de Pontevedra, que achegou unha rama de abeto español procedente do Castelo de Soutomaior, a Escola de Capataces e o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, o Distrito Forestal de Pontevedra ou os servizos de xardinería da Universidade de Vigo. Doadores entre os que figura tamén a Western Heights High School de Nova Zelanda, que na visita que realizou en outubro ao centro achegou uns anacos de madeira de kauri, a considerada “á árbore sagrada maorí”, como lembrou Torres, así como docentes, persoal e alumnado da Universidade xunto con outra serie de particulares, que contribuíron tamén a enriquecer a xiloteca que nesta xornada se presentaba nun acto presidido polo director da EE Forestal, Juan Picos, e o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, e que contou tamén coa participación do director da Axencia da Industria Forestal (Xera) da Xunta de Galicia, Ignacio Lema.

Un recurso ao servizo da formación e da sociedade

“A idea deste centro é que a formación que se imparte sexa o máis práctica e o máis pegada á realidade posible”, salientou Picos na apertura deste acto, no que puxo de relevo que iniciativas como esta xiloteca contribúen a mellorar a formación do alumnado, á vez que suman ao “compromiso” adquirido pola escola “desde a súa propia orixe” de valorizar un material tan espectacular e con tantas posibilidades como a madeira”. Carlos Souto pola súa banda, puxo tamén de relevo o “interesante desta iniciativa para todos os estudantes da escola”, mentres que Torres foi o encargado de presentar os contidos dunha xiloteca que, lembrou, comezou a xestarse en 2014 a raíz dunha idea de Jorge Juan Gil. O impulsor desta colec ciónlembrou na súa intervención a existencia de coleccións como a da Universidade de Yale, con máis de 60.000 mostras, ou a xiloteca privada de Manuel Soler en Denia, Alacante, a de maiores dimensións en España con máis de 4000 mostras, “para que vexades a dimensión que pode chegar a adquirir algo que estamos iniciando” e que ten tamén entre os seus obxectivos, lembrou, servir como un espazo que poida ser visitado pola cidadanía, "que sirva para a difusión da riqueza do mundo forestal”.

Catro seccións, máis de 500 pezas 

Unha compilación de táboas de 15 centímetros de longo, caracterizadas cun número de referencia, integra a principal sección desta colección, que reúne a día de hoxe 346 pezas de procedentes de 77 especies de frondosas e outras 95 pertencentes a 16 especies de coníferas.  A esta sección súmase un apartado de derivados da madeira, como taboleiros, laminados, madeira reconstituída, composites ou pavimentos, integrado por 36 pezas; unha sección centrada en derivados da madeira como estelas, briquetas, pélets, serradura, carbón vexetal ou labras, con 65 mostras; xunto cun apartado de “pezas singulares” integrado por seis pezas en cesión e 13 en propiedade, entre as que destacan tamén toras de carballo e nogueira de principios do pasado século.

Colección que, como apuntou Torres, proxéctase seguir ampliando non só con novas pezas senón coa posta en marcha dunha nova sección de mostras microscópicas, que permitirá ao alumnado identificar as diferentes madeiras a través da súa estrutura celular e que constitúe un dos obxectivos de futuro deste espazo, xunto coa elaboración dunha base de datos e de unidades didácticas.