DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do proxecto europeo Firepoctep, no que participan 21 institucións españolas e portuguesas

A EE Forestal traballa na definición de zonas estratéxicas para previr grandes incendios no Baixo Miño

Nunha xornada, presentaron os primeiros resultados a representantes de comunidades de montes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Pontevedra 29/11/2021

A identificación, en diferentes puntos da fronteira entre España e Portugal, de “zonas estratéxicas de xestión”, espazos nos que unha serie de actuacións preventivas contribuirían a diminuír os efectos e intensidade dos grandes incendios forestais, é un dos obxectivos centrais do proxecto europeo Firepoctep, un proxecto seleccionado na convocatoria Interreg V A España-Portugal, no que participan 21 institucións de España e Portugal, entre as que se atopa a Universidade de Vigo. No marco dese obxectivo, investigadores e investigadoras da Escola de Enxeñaría Forestal traballaron nos últimos meses nunha serie de simulacións de grandes lumes dirixidas á identificación desas zonas estratéxicas na comarca do Baixo Miño, cuxos primeiros resultados foron presentados a representantes das comunidades de montes veciñais en man común da contorna nunha xornada que tivo lugar esta fin de semana en Tomiño.

“As zonas estratéxicas de xestión son áreas do territorio definidas e priorizadas tendo en conta o risco e perigo de incendio, os combustibles, o comportamento do lume na zona de estudio, as infraestruturas de defensa existentes, o manexo histórico de emerxencias e a vulnerabilidade dos valores naturais, rurais ou urbanos a protexer”, explica o directora da EE Forestal, Juan Picos. Xunto Julia Armesto, Laura Alonso, Thais Rincón e Andrés Rodríguez, Picos presentou este sábado os primeiros “datos provisionais” do traballo que desenvolven nunha das áreas piloto deste proxecto coordinado pola Junta de Andalucía, do que tamén forman parte investigadores e investigadoras da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e da Escola de Enxeñería Industrial do campus de Vigo e da Facultade de Educación e Traballo Social e as escolas de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e de Enxeñaría Informática de Ourense.

Máis de 2000 simulacións

Partindo do uso de técnicas cartográficas e da definición dunha serie de “mapas de combustible”, o traballo dos investigadores e investigadoras da EE Forestal céntrase nos “simuladores de predición do comportamento do lume”, unha ferramenta que permite analizar o comportamento de futuros lumes en función de diferentes variables, como a vexetación e a topografía da zona ou os factores meteorolóxicos. “Realizamos neste territorio preto de 2000 simulacións”, sinala Picos, que incide en que, se ben “aínda temos moito traballo por diante”, as análises realizadas permitiron xa detectar unha serie de zonas “que case todas as simulacións din que son sensibles” e que, polo tanto, son “candidatas” a ser definidas como “zonas estratéxicas de xestión”.

Aínda que serían posibles "varias aproximacións", este traballo de simulación céntrase , explica, en tratar de identificar “cales son os camiños principais de propagación dos grandes lumes”, aquelas zonas nas que “acaban converxendo” incendios “que chegan a alcanzar centos ou milleiros de hectáreas”. De feito, como sinala Picos, este traballo permite pór tamén o foco na existencia de “zonas sensibles” de cara previr incendios "que aínda non se deron”, xa que permite analizar “condicións meteorolóxicas non tan frecuentes”, que poderían actuar como causantes destes lumes de grandes dimensións e intensidade. 

Unha metodoloxía que poida trasladarse a outras áreas

“Os grandes incendios consumen grandes extensións do territorio e deben ser enfrontados mediante un prevención deseñada e executada á mesma escala”, sinala Picos, que pon de relevo a importancia desta definición de zonas estratéxicas de xestión, “unha figura á que se está chegando por consenso científico”, de cara a lograr “unha defensa eficaz” ante este tipo de fenómenos. Nese senso, este proxecto europeo ten entre os seus propósitos a identificación desas zonas en diferentes áreas piloto ao longo da fronteira, a través de metodoloxías que permitirián á súa vez, analizar "onde actuar en calquera comarca”. Neste caso, a investigación que coordina a Universidade de Vigo céntrase nunha área piloto que comprende tanto a comarca galega do Baixo Miño, como o Alto Minho portugués, onde centrarase no espazo protexido do Corno do Bico, en Paredes de Coura.

Posta en común cos axentes implicados

“Os proxectos para a definición das zonas estratéxicas de xestión deben incluír procesos de participación social e comunicación, que permitan conseguir o máximo consenso e colaboración dos axentes implicados no territorio”, sinala Picos. Con ese obxectivo, o pasado sábado tivo lugar unha xornada técnica á que, ademais de membros de diferentes comunidades de montes, asistiron representes municipais, de empresas que prestan asesoramento ás comunidades e de entidades asociativas da propiedade forestal. O seu obxectivo, engade Picos, era explicarlles “o que imos facer, que información imos pedirlles e porque a pedimos”, como un dos pasos previos á reunión que o 9 de decembro manterán as coordinacións das diferentes áreas piloto de Firepoctep coa idea de “coordinar os criterios de selección desas zonas estratéxicas”, tendo en conta ademais que o proxecto “leva prevista a posibilidade de intervir naquelas zonas que tecnicamente se demostren estratéxicas para a prevención”. De feito, esta xornada contou tamén coa participación do investigador da Universidad de Extremadura Javier Corbacho, que traballa noutra destas áreas piloto. Previamente, o encontro acolleu tamén un relatorio do subdirector de Planificación Rural da Consellería do Medio Rural, Alfredo Fernández Ríos, sobre os polígonos agroforestais na Lei de Recuperación de Terra Agraria de Galicia. 

Cun orzamento de preto de 5,5 millóns de euros, financiados nun 75% con fondos Feder, 21 administracións, universidades e centros de investigación de España e Portugal participan Firepoctep, que ten como obxectivo unificar criterios de actuación conxunta entre dous dos países da UE máis vulnerables aos efectos destes grandes lumes. Nese senso, o proxecto busca promover o intercambio de innovacións e boas prácticas en materia de loita contra os lumes, desenvolver experiencias que contribúan a fomentar a creación de emprego no rural e ao impulso da economía verde e promover un plan de formación e sensibilización da cidadanía. Xunto á EE Forestal, participan neste proxecto os investigadores do Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais Fernando Aguado, Pedro Orgeira e Carlos Ulloa; Juan Carlos González Moreno, do Laboratorio de Informática Aplicada; Pablo Izquierdo, do grupo CIMA, e a investigadora da Facultade de Educación e Traballo Social e vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, María Isabel Doval.