DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O centro foi convidado a participar en Polonia na conferencia ‘Universities within the forests’

A EE Forestal, única representante española nun debate internacional sobre o futuro destas ensinanzas

A vindeira semana, recibirá un recoñecemento pola súa cooperación coa Mendel University de Brno

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Internacional
  • Medio Ambiente
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 26/09/2019

Representantes de 15 universidades de diferentes países europeos participan nestes días en Polonia na conferencia Universities within the forests, un evento promovido pola Poznan University of Life Sciences para debater sobre o futuro dos estudos superiores no eido forestal. Debate no que a Universidade de Vigo é a única representante española, despois de que o director e a subdirectora da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos e Ángeles Cancela, fosen convidados a impartir unha conferencia e participar nos diferentes debates que desde este martes se desenvolven no marco do evento co que a universidade organizadora conmemora os 100 anos de historia dos seus estudos forestais e agrícolas. 

“As conclusións da análise realizado sobre o futuro da educación forestal vannos permitir incorporar as últimas tendencias na nosa análise estratéxica para a mellora continua do centro”, salienta Picos respecto do interese que ten para a escola participar nun evento que reúne tamén a representantes de centros de Polonia, Romanía, Eslovenia, República Checa, Bielorrusia, Lituania, Croacia ou Turquía. Así mesmo, o director da EE Forestal destaca tamén o positivo desta conferencia á hora de “ampliar a nosa rede de contactos Erasmus con algunhas escolas moi interesantes, tanto para o noso alumnado, como para captar estudantes internacionais”, tendo en conta ademais a recente obtención por parte da escola do selo EUR-ACE, unha acreditación europea da formación como enxeñeiros e enxeñeiras do seu alumnado.

A educación forestal, entre o local e o global

Visitas a diferentes instalacións da Poznan University of Life Sciences e a participación, este xoves en Cracovia, nun foro de discusión con representantes do Ministerio de Educación completan o programa dun evento que o martes abriron unha serie de conferencias, como a que Picos centrou tanto na situación dos estudos forestais en España como nos retos de futuro que debe afrontar a formación neste ámbito. A educación forestal, lembrou, “caracterizase como unha loita continua por ser eficiente entre dúas escalas aparentemente opostas”, a de formar profesionais para unha xestión forestal “fundamentalmente local”, no relativo ás especies, proceso ecolóxicos, leis ou actores; e a de formar profesionais que deben facer fronte aos “retos planetarios”. Nese senso, o director da EE Forestal sinalou que “os bosques han de ser a base para un futuro benestar xusto e equitativo” e que, do mesmo xeito que as masas forestais están a verse afectadas polos “retos medioambientais aos que se enfronta o planeta”, as alternativas e solucións para facerlles fronte deberán tamén proceder “dunha boa xestión e aproveitamento” dos bosques. Así, cuestións como “o cambio climático, a xestión flexible dos ecosistemas, os sistemas de goberno, as cuestións de xénero, as masas forestais como fontes de novos materiais e enerxía, o desenvolvemento rural e a mitigación do despoboamento” son ao seu xuízo aspectos nos que deberan estar xa afondando os estudos neste ámbito 

“As escolas forestais deben aceptar o desafío de atopar solucións que integren financiamento estable, relevancia social, eficiencia e calidade educativa e investigadora, equilibrando estas solucións con oportunidades de emprego estable para os seus egresados”, engadiu o director da EE Forestal. Nese senso, Picos lembrou que, polo xeral, trátase de escolas “de pequena dimensión, altamente especializados e onde a ensinanza practica adquire unha gran relevancia”, e para as que é “imprescindible” a colaboración do conxunto do sector forestal. 

Recoñecemento na República Checa

Tras esta conferencia, a EE Forestal participará a vindeira semana na República Checa, na reunión da Erasmus+ Forest Netowrk que terá lugar na Mendel University de Brno, onde representantes de máis de 30 universidades buscarán fortalecer a mobilidade internacional do seu alumnado. Neste encontro, que se enmarca tamén na conmemoración do centenario da escola forestal de Brno, o centro do campus pontevedrés recibirá ademais unha distinción como exemplo de cooperación a longo prazo. “É o destino ao que máis estudantes envíamos nos últimos dez anos e do que máis recibimos”, salienta Picos da colaboración coa Mendel University, que deu pé tamén a diversos intercambios de persoal docente e investigador.