DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dunha nova edición dos certames de fotografía, curtametraxes e maquetas

A EE de Minas e Enerxía lanza catro concursos para fomentar a creatividade e visibilizar os retos do sector

O centro repartirá un total de 2030 euros en premios

Etiquetas
  • Estudantes
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Cultura
DUVI 21/07/2021

Co obxectivo de amosar os desafíos, recursos e saídas profesionais do seu sector, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía convoca unha nova edición dos seus concursos de fotografía, curtametraxes e maquetas de escavadoras e instalacións eficientes. Trátase dunha serie de certames abertos á sociedade que queren proxectar as titulacións impartidas no centro e facer fincapé na importancia da explotación sostible dos recursos minerais e enerxéticos. Tendo en conta todos os concursos e as súas categorías, a escola repartirá este ano un total de 2030 euros. 

Fotografías e curtametraxes enerxéticas, ata o 22 de novembro

Baixo o título Curtametraxes enerxéticas. Amosa a túa fonte de enerxía, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía invita a realizar un proxecto audiovisual baseado nun tema vinculado coa enerxía. Como exemplos, a organización sinala “o uso da enerxía no día a día, os procesos de xeración, transporte, distribución e uso da enerxía ou os problemas e retos da sociedade coa transición ecolóxica”. Neste senso, nas curtametraxes poderase abordar a enerxía desde múltiples perspectivas, como o consumo ou os aspectos sociais, industriais ou medioambientais. En canto aos requisitos técnicos, as pezas poderán ter unha duración de entre 5 e 10 minutos e a gañadora será galardoada con 300 euros, mentres que a segunda clasificada recibirá 150€. 

No eido fotográfico, a escola premiará as mellores imaxes protagonizadas polos recursos mineiros e enerxéticos desde calquera punto de vista: xeración, transformación, transporte e uso de enerxía, enerxías renovables, explotación de minerais e rochas, obras subterráneas, restauración de espazos mineiros, etc. O xurado admitirá ata tres fotografías por autor, en cor ou branco e negro. O certame fotográfico conta con dúas categorías: a sénior, para maiores de 16 anos, e a júnior, para menores de 16 anos. Na primeira modalidade entregaranse tres premios de 300€, 150€ e 50€, mentres que as mellores composicións da categoría júnior obterán un primeiro premio de 150€ e un accésit de 30€. 

O alumnado de secundaria pode traballar nas maquetas ata marzo

As alumnas e alumnos de 3º e 4º da ESO, Bacharelato e de ciclos formativos porán a proba o seu enxeño e creatividade cos concursos de maquetas eficientes e escavadoras. Neste caso, os traballos poderán presentarse ata o 30 de marzo e os gañadores das dúas categorías recibirán un cheque de 300€ para o centro, mentes que os segundos clasificados obterán un premio de 150€. 

O reto para o certame Escava.Rme 2022 é construír un equipo que sexa capaz de remover e cargar materia. O guindastre ou grúa con sistema de carga poderá ser fixo ou móbil, xa que o requisito fundamental é a rotación sobre si mesmo e a carga do material. O concurso levarase a cabo por equipos, baixo a titoría dunha profesora ou profesor do centro educativo ao que pertenza o estudantado, e os grupos poderán empregar calquera material para a elaboración da escavadora (cartón, madeira, metal, plástico, etc.) e botar man de calquera procedemento (elaboración manual, creación de pezas mediante impresoras 3D, etc.). 

No caso do concurso Enerxiza.Rme, o alumnado participante deberá elaborar unha maqueta dunha instalación na que se amose a busca de eficiencia enerxética. Os traballos presentados poderán ser pequenas reproducións de vivendas ou de centrais e plantas de enerxías renovables (eólica, hidráulica, xeotérmica, etc.). Igual que no certame de construción de escavadoras, os grupos poderán empregar calquera técnica e material.