DUVI

Diario da Universidade de Vigo

69 estudantes de grao e 20 de mestrado protagonizaron o acto de graduación 

A EE de Telecomunicación despide preto dun cento de aspirantes a ser os novos actores da sociedade tecnolóxica 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 04/06/2018

69 estudantes da 5ª promoción do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación e 20 da 3º promoción do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación, protagonizaron o acto de graduación celebrado o pasado venres na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. O acto, presidido polo alcalde de Vigo, Abel Caballero; a comisionada para o Vigo Tecnolóxico, Edita de Lorenzo e o director da Escola, Íñigo Cuiñas, contou coa asistencia de Alfredo Ramos, director xeral de R e de Iago Soto, CEO de Quobis, “ambos titulados da escola e que representan dúas traxectorias profesionais de éxito, unha dirixindo un operador de telecomunicacións territorial pero cunha implantación moi importante e o outro como emprendeor cunha empresa en crecemento, que dá emprego a máis de 35 enxeñeiras e enxeñeiros saídos da escola”, explica Cuiñas.

O director da EE de Telecomunicación reivindicou na súa intervención o papel das e dos “telecos na evolución da sociedade dende a etapa industrial á era da información e o coñecemento. As tecnoloxías, os procedementos, os sistemas, os desenvolvementos de moitos profesionais da telecomunicación, saídos da escola de Vigo e de tantas outras, levan ao mundo máis aló do imaxinado hai un feixe de anos”. Cuiñas animou ás novas e aos novos egresados a seren os actores da nova sociedade tecnolóxica, asegurando que “ides xogar nunha nova liga, nunha nova sociedade, na que as TICs son transversais e permitiranvos exercer a vosa profesión en calquera sector da nosa economía. Mais ides xogar coa seguridade de seren cidadáns dixitais nun mundo cheo de xente que aspira/aspiramos a acadar esa cidadanía”, asegurou o director da escola.