DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres celebrouse a fase final da competición por equipos e a entrega de premios

A EE de Telecomunicación reúne máis de 250 estudantes de ESO, Bacharelato e FP na súa I Olimpíada

Desenvolveron solucións e prototipos que permitan avanzar cara cidades e comunidades sostibles

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 26/05/2023

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación lanzou a comezos deste ano o reto de deseñar e  desenvolver prototipos e solucións baseadas na enxeñaría de telecomunicación e aliñadas co ODS 11 da Axenda 2030 referido ás cidades e comunidades sostibles. A este reto responderon 256 estudantes de ESO, Bacharelato e FP de toda Galicia. Parte deles déronse cita este venres no campus de Vigo na fase final desta I Olimpíada de Teleco e para entregar os premios na categoría por equipos (estudantes de ESO e FP) e na categoría individual (estudantes de Bacharelato). En total, foron 25 institutos de secundaria os que se embarcaron na primeira edición desta iniciativa que ten como finalidade espertar vocacións e visibilizar a potencialidade dos estudos da rama da telecomunicación e os campos nos que está presente no día a día. 

O evento organizouse este ano por primeira vez en todo o Estado español da man de 20 escolas de enxeñería de telecomunicación de toda España e do Colegio Oficial de Ingenieros Técnicos de Telecomunicación, que decidiron centrar a competición en como a telecomunicación pode mellorar a calidade de vida e no seu impacto nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030. Como explica a directora da escola, Rebeca Díaz, “para a EET é un orgullo formar parte do equipo coordinador destas olimpíadas, que son as primeiras que se celebran no ámbito nacional e que supuxeron un grande esforzo de traballo entre os colexios profesionais e máis as escolas de enxeñaría”. 

Seis proxectos dos equipos de FP e nove dos da ESO

A EET encargouse da organización da fase local en Vigo da Olimpíada, que arrancou en febreiro cun obradoiro de iniciación ao Arduino. Dende o mes de marzo os equipos traballaron no deseño e desenvolvemento de cadanseu proxecto aliñado coa enxeñería de telecomunicación e o ODS 11, empregando un kit de placas programables compatibles co IDE de Arduino que lles proporcionou a EE Telecomunicación e nos que as comunicacións como 5G, LoRaWAN, Wifi, Bluetooth, etc. debían estar presentes. A fase clasificatoria botou a andar o día 15 deste mes e concluíu este venres coa presentación dos proxectos seleccionados como finalistas. E é que, como explica a directora da escola, cada centro só podía clasificar para a final un equipo, polo que finalmente, na xornada deste venres presentaron os seus proxectos seis equipos de FP e outros nove da ESO. Rebeca Díaz foi a encargada de darlles a benvida aos participantes e de presentarlles os membros do xurado, formado por investigadores da escola e por representantes das empresas patrocinadoras Daniel Pérez, de BorgWarner, Javier Piñeiro, de Indra e Carlos Rodríguez, de Televés. Díaz Agradeceu a implicación dos docentes dos colexios e institutos e o traballo realizado por todos os equipos, entre eles os 15 que competiron na fase final deste venres.

Tras presentar cada un dos proxectos ante o xurado, os equipos tamén fixeron unha exposición pública nos corredores da EET onde atenderon as preguntas e consultas do xurado e do resto das persoas asistentes. Finalmente, elixíronse os tres mellores proxectos na categoría de ESO e na categoría de FP, cun premio de 400 euros para os equipos coa mellor solución técnica e máis 400 euros para os institutos aos que pertenzan; dous segundos premios de 300 euros para os equipo que teñan a proposta máis orixinal; e dous terceiros de 200 euros para os equipos coa proposta máis aliñada co ODS 11. Finalmente, na categoría de ESO, patrocinada por Indra, o primeiro premio foi para o IES Primeiro de Marzo; o segundo para o M. Peleteiro e o terceiro para o IES Pastoriza. Na categoría de FP, os premios outorgados por BorgWarner foron en primeiro lugar para o CIFP Farixa; o segundo para CPR Daniel Castelao e o terceiro para IES Monte da Vila.

Ademais, o pasado sábado tamén se celebrou un exame individual escrito na categoría de Bacharelato, cuxos premios de 400, 300 e 200 para os tres estudantes mellor clasificados se entregaron tamén este venres da man de Televés. O gañadores, neste caso, foron Xabier Garabato González, do CPR Manuel Peleteiro; Rocío Fernández Álvarez, do IES Ribeira do Louro e Noa Domínguez Seara, tamén do IES Ribeira do Louro.

Agora, os centros gañadores clasifícanse para a fase nacional que terá lugar en xuño e na que deberán medirse aos equipos vencedores das outras sedes cos que competirán polos premios á mellor proposta técnica; á proposta máis orixinal; á proposta máis aliñada co ODS 11 e á mellor comunicación e exposición de proxecto.

Exemplos de proxectos

Os proxectos que concorren ao concurso xiran arredor da mellora da vida cotiá nas cidades a través da tecnoloxía e as telecomunicacións. Por exemplo, o CEIP Dr. López Suárez, de O Saviñao, presentaron Smart Trash bin, unha proposta que ten como obxectivo axustar as rutas e os tempos da recollida dos contedores de lixo e favorecer a reciclaxe a través da intelixencia artificial. O IES Primeiro de Marzo, de Baiona, realizou unha proposta de contedores accesibles para persoas con problemas de visión ou mobilidade reducida e o CPR El Castro presentou Smart Park, un traballo que se centra nunha serie de medidas automatizadas nun parque público para acadar seguridade, un uso eficiente dos recursos e a mitigación de cambio climático, por exemplo, a través dun cortacéspede automatizado, acendido automático da iluminación das rúas, uso eficiente da auga para rego ou control de temperatura, humidade, etc. Outros proxectos apostaron, como o de Sta. Teresa de Jesús, por cargadores eficientes ou o do alumnado do CPR María Auxiliadora, que realizou un deseño de estradas sostibles centrado la iluminación eficiente e automatizada.