DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Recolle unha escolma das actividades docentes, investigadores e divulgativas do curso pasado

A EEME lanza un novo número da súa revista 'Minerxía'

Tamén avanza como novidade para este ano o lanzamento do proxecto A caixa sostible

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Institucional
M. Del Río DUVI 07/11/2022

Un curso dá para moito e iso vese reflectido nas 68 páxina do novo número da revista da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, Minerxía, na que o centro presenta un resumo de todas as actividades tanto académicas como do eido da investigación e a divulgación e mesmo da cultura e a igualdade do curso pasado.

A revista arranca cunha entrevista á directora da escola, Elena Alonso Prieto, na que repasa entre outros temas as titulacións que se imparten no centro e as saídas laborais das e dos egresados. Neste capítulo tamén se recollen as experiencias de oito ex estudantes do centro que explican onde se atopan traballando na actualidade e en que eido desenvolven a súa carreira profesional.

Nos seguintes capítulos dáse conta das viaxes e visitas de estudo realizadas no curso pasado, así como das diversas actividades realizadas no centro, dende a Olimpíada de Xeoloxía ata a celebración de Santa Bárbara, pasando polo Foro Tecnolóxico de Emprego, diferentes cursos e seminarios e múltiples concursos como Enfoca_Rme; Curtametraxes enerxéticas; Excava_Rme ou Enerxiza_Rme.

Proxectos de investigación 

Tamén hai un capítulo dedicado á investigación, que conta coa participación de Ángeles Domínguez, Javier López, Mercedes Solla e Nuria Mouronte. A primeira, do grupo de investigación Prosepav, explica que traballa no deseño de procesos de separación que permitan a recuperación tanto da auga coma da substancia contaminante, empregando axentes de separación respectuosos co medio ambiente. Ata o momento, esta idea aplicouse á recuperación de compostos aromáticos presentes nas gasolinas e na extracción de compostos fenólicos presentes nas augas residuais. Javier López, do Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas, GTE), xunto con Enrique Granada e Pablo Eguía (Energio Advance SL) e G. de la Huz (Aguas de Rodas SL), estudan como detectar a ocorrencia de afloramentos na ría de Vigo. En concreto, buscan identificar períodos nos que a auga profunda aflora ata chegar á illa de Toralla, sede da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla. Tamén se dá conta da liña de investigación na que traballa Mercedes Solla, do Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas (Geotech), no marco do proxecto Endití para realizar a monitorización avanzada e sostible de infraestruturas do transporte críticas. A cuarta investigadora convidada deste número de Minerxía é Nuria Morente que, xunto cos profesores da escola, A. Rodríguez e F. Deive, participa nun proxecto para eliminar os hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAP) derivados da actividade mineira, de solos e de efluentes acuosos contaminados. 

Da igualdade aos concursos

A publicación dá conta tamén das actividades realizados no centro relacionadas coa igualdade, como a celebración do Día da Nena e da Muller na Ciencia, a recepción do Distintivo de Igualdade ou o Cine Fórum: (In)visibilidade das Mulleres STEAM. Asemade, outro capítulo recolle experiencias en primeira persoa de alumnado e profesorado do centro que participa en programas de mobilidade así como dos estudantes e docentes recibidos na escola ao longo do curso pasado.

Finalmente, tamén se repasan as actividades realizadas en centros educativos, por exemplo no marco do proxecto STEMBach, a participación en diversas feiras e a convocatoria ou concesión de premios. 

A Caixa Sostible

A revista remata cunha referencia á Caixa Sostible, unha das novidades que a EEME pon en marcha neste curso con 40 IES de Galicia e que consiste no deseño dunha caixa que se enviará aos institutos galegos e que conterá cinco actividades encamiñadas á determinación da pegada de carbono, eficiencia enerxética, eficiencia luminosa, a calidade das augas e a posta en valor do patrimonio xeolóxico da contorna. O obxectivo é fomentar ou esperar vocacións científico-técnicas no ámbito educativo preuniversitario. A caixa será recibida polo profesorado encargado do centro educativo que, co apoio do persoal da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía titorizará ao estudantado en cada unha das actividades. 

Este proxecto está cofinanciado pola Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, o Consello Social da Universidade de Vigo e o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste de España. Conta coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Ciencia e Innovación e co apoio da Enciga (Ensinantes de Ciencias de Galicia).