DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O actual equipo continuará en funcións un máximo de seis meses

As eleccións ao decanato de Historia rematan sen candidaturas

Susana Reboreda dirixe a facultade desde finais de 2014

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 14/01/2021

Ao rematar en decembro o mandato do actual equipo decanal da Facultade de Historia do campus de Ourense, o centro puxo en marcha eleccións para a súa renovación que este xoves concluíron sen que se presentara ningunha candidatura. Por este motivo, o ata de agora equipo decanal da facultade, encabezado pola profesora titular de Historia Antiga Susana Reboreda, continuará en funcións ata un máximo de seis meses.

“Ao non presentarse ningunha candidatura, o regulamento di que se prorrogará por un máximo de seis meses á persoa que está no cargo, coa idea de que haxa nese período unha nova convocatoria de eleccións”, comenta Susana Reboreda, que leva á fronte do centro dous mandatos consecutivos de tres anos cada un, o máximo permitido. Así, o actual equipo continuará en funcións por nomeamento do reitor, Manuel Reigosa, e está composto, ademais de por Susana Reboreda, por Adolfo Fernández, vicedecano, e Josefina Cadilla, secretaria. “Dado que a día de hoxe a facultade ten o número de alumnas e alumnos necesarios para que haxa dous vicedecanos, a idea é ampliar este equipo cun novo vicedecanato”, comenta a responsable do centro.

Balance de dous mandatos

Sobre os dous mandatos á fronte da Facultade de Historia, Susana Reboreda destaca como “o balance é moi positivo”, salientando como “os obxectivos previstos tanto no primeiro como no segundo mandato practicamente se cumpriron todos”. Entre eles subliña a importancia que tivo lograr incrementar o número de estudantes (na actualidade 229 en total) e superar as cifras esixidas pola Xunta para garantir a viabilidade dos seus estudos. Ademais, apunta como nestes anos se conseguiu “pór ao día todos os asuntos de calidade, estando a día de hoxe o centro certificado e todos os títulos acreditados, sen ningún procedemento pendente”. Outra das liñas de traballo destacadas nestes seis anos, engade, foi “a visibilización a facultade na sociedade a través dunha serie de actividades propostas non só polo centro senón por todo o profesorado”. Xunto a esta visiblización, indica a profesora do campus de  Ourense, neste período fíxose fincapé “na nosa vinculación coa contorna”, poñendo como exemplo os convenios de I+D realizados con diversos concellos. Polas circunstancias especiais derivadas da covid-19, Susana Reboreda subliña ademais como no último ano o reto máis importante foi dar resposta á situación provocada polo coronavirus. “Durante a pandemia conseguimos continuar coa actividade seguindo todos os regulamentos”, comenta a decana, que lembra como “un dos lemas que temos é que a pandemia non nos pare, tratando de non parar ningún dos nosos proxectos, buscando alternativas”.

A consecución destes obxectivos, subliña Susana Reboreda, “foi posible grazas á participación de toda a comunidade universitaria, tanto o persoal docente e investigador, como o persoal de administración e servizos como o alumnado”, destacando como “temos a sorte de ter un profesorado moi activo, con moitos proxectos e iniciativas que nos dan visibilidade, un alumnado tamén moi activo e un PAS moi implicado nas nosas actividades”. Na actualidade, comenta a decana, “o centro está nun bo lugar dentro do campus de Ourense, dentro da Universidade de Vigo e a nivel incluso de Galicia. Hoxe en día, a Facultade de Historia, grazas ao traballo de toda a comunidade universitaria, ocupa un lugar propio”. Como reto por acadar, apunta como “queda pendente o problema da redución da plantilla de profesorado fixo nos últimos anos debido ás xubilacións e o feito de que a idade media do noso profesorado é elevada”. Neste senso, subliña como “gustaríanos que entrara novo profesorado fixo”, explicando como a situación actual “redunda tamén na ocupación de cargos: somos un centro pequeno, hai que repartir persoas para cargos do departamento e do centro, a maior parte do profesorado fixo xa ocupou algún posto... isto supón problemas”.

A previsión do equipo decanal en funcións para o novo período dun máximo de seis meses que se abre agora é, sinala Susana Reboreda, “manter os proxectos anteriores, dar continuidade ao que vimos facendo ata o de agora, seguindo con todas as actividades de captación, a realización dunha nova edición da Olimpíada de Historia, manter todos os temas de calidade ao día e seguir dando resposta ás necesidades derivadas da pandemia, intentando dar o mellor servizo posible neste momento tan complicado”,.