DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será este mércores e xoves, coincidindo coa festividade do patrón da escola

Empresariais celebra o décimo aniversario do Mestrado en Comercio Internacional cun intenso programa de actividades

Visitarán o centro representantes do mundo empresarial dos principais sectores da economía viguesa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Académica
DUVI 02/04/2018

O programa de actos arranca o mércores ás 10.00 h e incorpora conferenciantes e poñentes que representan tanto a práctica profesional  (Herrero & Asociados, Inmaculada Rodríguez Cuervo) como a visión de empresas de diversos sectores fundamentais na economía viguesa coma os estaleiros (Freire Shipyard), loxística comercial (Termavi), automoción (Copo Ibérica), conserveiro (Jealsa) ou turismo náutico (Bluscus), así como a vertente institucional (ICEX, CZV, CEP, Igape).

“Ademais, dámoslle un espazo singular ao estudantado que pasou polo mestrado con dúas mesas redondas o mércores pola tarde: unha de egresadas e egresados con experiencia no comercio internacional e outra coas tres bolseiras que participaron en setembro de 2017 no programa de visibilización das mulleres no sector pesqueiro cunha viaxe a Islandia patrocinada pola Deputación de Pontevedra e que traballan en postos de responsabilidade en empresas vencelladas ao mar e a pesca”, explica Araceli González Crespán, subdirectora de Relacións Internacionais e Intercambios.

“A diversidade académica e cultural son as grandes bazas deste mestrado”

O Mestrado en Comercial Internacional arrancou no ano 2008 dirixido polo catedrático Antonio Vaamonde Liste e coa participación de moito profesorado da escola que voluntariamente se sumou ao proxecto. “A boa acollida do programa permitiu confirmar que a elección do comercio internacional foi unha excelente opción para a cidade de Vigo e para a empresa galega”, explica González. Ademais, e como sucede no resto de titulacións do centro, no programa de estudos sempre se contemplou a realización de prácticas obrigatorias en empresas ou institución, “este compromiso é unha das nosas sinais de identidade e facilita ao estudantado o contacto coa actividade profesional, a aplicación dos coñecementos á realidade e a posibilidade ás veces de continuar cunha bolsa formativa ou acadar un posto de traballo”, explica a subdirectora. 

Nos primeiros anos contouse co apoio económico do Igape, o que lles permitiu traer a moitas e moitos conferenciantes de prestixio, e a partir de 2011 púxose en marcha unha segunda versión do mestrado, completamente virtual. Hoxe en día coordina o máster o profesor Pablo Cabanelas, ofértanse 25 prazas en cada modalidade (presencial e virtual) e a elevada demanda do título manteno entre os másteres máis solicitados da Universidade de Vigo.

“O alumnado é, desde o comezo, moi variado na súa procedencia académica, pois temos perfís de ciencias sociais (comercio, empresariais, dereito, socioloxía...), de humanidades (filoloxía, tradución...), de tecnoloxía (telecomunicacións, arquitectura...)  e tamén na súa orixe nacional”, apunta González Crespán, ao tempo que apunta que na actual edición, por citar un exemplo, hai matriculados estudantes de Uruguay, Brasil, Portugal, Rusia, Polonia ou Venezuela, ademais de alumnado de intercambio Erasmus procedente de Francia ou Alemaña. “Esta diversidade académica e cultural enriquece sen dúbida o mestrado e é unha das claves do seu éxito”, recalca a subdirectora.

Despois de 10 anos de traxectoria, desde a escola salientan que era o momento de facer unha reflexión para detectar as cuestións académicas e organizativas que permitan que os contidos e a orientación do mestrado cumpra coa súa misión de estar á vangarda e ser sensible aos cambios que se están a  producir vertixinosamente no eido do comercio internacional, “indiscutiblemente ligados ao desenvolvemento tecnolóxico e de comunicacións nun mundo global”, recalca González Crespán.