As tres facultades do campus sumáronse este luns á celebración do 8M
Empresariais e Turismo, Relacións Internacionais e Dereito reivindican a igualdade entre homes e mulleres
Organizaron un coloquio sobre liderado e un posto informativo
As facultades de Ciencias Empresariais e Turismo, Relacións Internacionais e Dereito do campus de Ourense sumáronse este luns á celebración do 8M, Día Internacional da Muller. Fixérono cun coloquio sobre liderado feminino e cun posto informativo cos que quixeron lembrar a importancia de continuar reivindicando a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres.
Liderado con mirada de muller
As facultades de Ciencias Empresariais e Turismo e de Relacións Internacionais organizaron o coloquio Liderado con mirada de muller. Nel participaron María López, concelleira de Promoción Económica de Allariz; Marta Míguez, ex-atleta olímpica; e Noelia Rodríguez, presidenta de Xóvenes Empresarios de Ourense. A actividade, que contou co apoio da Unidade de Igualdade, estivo moderada por Isabel Diéguez, coordinadora do coloquio xunto á tamén profesora da UVigo María Lameiras, e foi presentada por Jesús Vázquez, decano de Ciencias Empresariais e Turismo, e Laura Movilla, vicedecana de Relacións Internacionais.
Nas súas intervencións, Jesús Vázquez e Laura Movilla destacaron a relevancia de temática abordada neste coloquio e o feito de que a actividade sexa froito da colaboración entre as dúas facultades organizadoras. Na súa intervención, a vicedecana de Relacións Internacionais salientou “a importancia de reivindicar a igualdade con todo tipo de actividades” e “non perder de vista a importancia destes actos nun tema como a igualdade de xénero, tema no que desgraciadamente, e en contra de todo prognóstico, parece que ás veces imos cara atrás en vez de seguir avanzando”.
Tres voces diferentes
Isabel Diéguez apuntou que neste coloquio quíxose achegar á comunidade universitaria experiencias reais de liderado feminino e dar voz a mulleres que “desde ámbitos moi diversos contribúen co seu traballo a transformar a sociedade e abrir camiño para as novas xeracións”. O panel de relatoras convidadas, apuntou, quixo abarcar “o liderado nun sentido amplo”, explicando que “cando pensamos en liderado pensamos nun primeiro momento en cargos e responsabilidades pero o liderado vai máis alá e ten que ver con outras cuestións como son a capacidade na toma de decisións, asumir retos, impulsar proxectos e influír positivamente na nosa contorna”.
Na súa intervención, María López ofreceu “unha visión poliédrica de como as mulleres contribuírmos no liderado, poñendo o foco noutros enfoques, como a creatividade, a empatía e a colaboración, o que hoxe chamamos gobernanza en política”. No ámbito da igualdade, afirmou a concelleira de Promoción Económica de Allariz, “non podemos ir para atrás” e salientou a importancia de formarse e abrir máis fiestras á igualdade. Do mesmo xeito, Noelia Rodríguez, salientou que dous dos puntos clave para o liderado no mundo empresarial son a formación e o asociacionismo, “rodearte de xente que realmente aposte por ti e os teus proxectos”. A presidenta de Xóvenes Empresarios de Ourense indicou que na súa entidade na actualidade “case se equiparan o número de proxectos femininos e masculinos e iso é por que as cousas se están facendo”. Por último, Marta Míguez, dixo, en base á súa experiencia persoal, que no liderado “cada un ten que enfocarse, ten que saber cara onde vai e unha vez que teña ese camiño claro ir a por el e punto, por que se te vas a fiar de calquera outra opinión que non sexa a propia non vai saír ben”.
Posto informativo de Dereito
Co lema A miña voz conta, os meus dereitos tamén, a Facultade de Dereito tamén se uniu a este 8M, Día Internacional da Muller, cun posto informativo na entrada do edificio Xurídico-Empresarial do campus no que se lembrou a importancia de continuar loitando pola igualdade. “Ante o retroceso que parece que ten o ámbito da igualdade de dereitos entre homes e mulleres, cada vez é máis necesario e importante unirse ás reivindicacións do 8M dunha igualdade real e efectiva a todos os niveis, desde o xurídico e social ata o económico, tendo en conta o que se logrou no pasado e indo cara o futuro”, destacou Susana Álvarez, decana da Facultade de Dereito. A responsable académica tamén fixo fincapé na necesidade de reivindicar esta igualdade no contexto internacional, apuntando que “vivimos nunha Europa diversa pero non sempre é así, a maioría do mundo non vive neste contexto”.
A actividade celebrada contou coa implicación de alumnado do centro, concretamente da súa Delegación de Alumnado, salientando a decana a importancia de que o estudantado se comprometa coa loita pola igualdade entre homes e mulleres. Na facultade, sinalou Susana Álvarez, a igualdade “non é unha materia específica senón transversal a todas as materias” e no futuro profesional deste alumnado será algo a ter en conta en todas as profesións xurídicas que poida exercer, desde a xudicatura e a avogacía ata a administración ou o sector privado.
