DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As Xornadas Técnicas de RRHH completaron, na Vicerreitoría, o programa do desfile

O encontro das novas tituladas coas empresas pecha Debut 2019

Representantes de diferentes empresas entrevistaron ás egresadas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 22/11/2019

Unhas horas despois de presentar no Pazo da Cultura as coleccións que constituían os seus proxectos de fin de estudos, as novas egresadas do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda e do título propio de Esdemga mantiveron xa as súas primeiras entrevistas de traballo con responsables de recursos humanos de Inditex, Adolfo Domínguez, Textil Lonia, Bimba & Lola e a empresa francesa Mitwill. Fixérono no marco das Xornadas Técnicas de RRHH, que este venres pechaban, na sede da Vicerreitoría do campus, o programa de actividades complementarias ao desfile celebrado na noite deste xoves. 

“Penso que este é un labor fundamental e desde logo gustaríanos seguir ampliando este tipo de conexións entre a empresa e o estudantado”, salienta a directora de Esdemga, Lola Dopico, respecto dunha actividade que, dentro do obxectivo de Debut de servir como ponte entre o alumnado e o mundo profesional, complementa a propia presenza de representantes de numerosas empresas no desfile cun encontro directo coas creadoras das diferentes coleccións. Trátase, sinala, dunha proposta que “dá a oportunidade ás empresas de coñecer perfís ben formados e talentosos”, xusto despois ademais de coñecer as súas coleccións, e que permite a tituladas e titulados “ter dúas ou tres entrevistas xusto despois de rematar os estudos, o que dáche moita seguridade á hora de dar os seguintes pasos”.

Do primeiro contacto ás primeiras ofertas

Coa excepción das catro egresadas que acadaran xa previamente un contrato de traballo, 16 das 20 novas tituladas que presentaron as súas coleccións en Debut participaron este venres nunhas xornadas que reuniron a responsables de recursos humanos das diferentes marcas de Inditex ou das firmas Purificación García e Carolina Herrera, do grupo Lonia. Nesta actividade estiveron novamente representadas, así mesmo, Adolfo Domínguez e Bimba & Lola, sumándose por primeira vez a empresa Mitwill, “que está especializada na creación de tecidos, coa que colaboramos e que de feito este ano contratou ás dúas persoas que estaban facendo as prácticas con eles”, apunta Dopico. Nese senso, a directora de Esdemga subliña que o primeiro contacto que supoñen estas xornadas adoitan dar lugar a segundas entrevistas e ofertas de emprego. “Nunha porcentaxe de máis do 50%, conclúen nunha oferta de contratación e agardamos que este ano siga sendo así”, salientou. 

“Unha gran porta aberta”

Despois de lograr, coa súa colección Herencia, o primeiro premio de Debut, Inmaculada Rodrigues participaba este venres nunhas xornadas que define como "un gran enlace co mundo laboral”. Natural de Canarias, Rodrigues recoñece de feito que foi Debut e "as portas que abre" este contacto directo con "importantes firmas, que aquí fan moi fácil, pero que non é tan sinxelo en calquera outra institución", un dos factores que a levou a cursar o máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda. 

“Realmente este é o gran premio, ter a oportunidade de conseguir unha entrevista ao día seguinte, así en quente, con xente que viu especificamente a ver o teu traballo”, engade Vicky Cordero, que lograba con Un dos, un dos... y todo irá bien, o premio á colección con maior proxección comercial, outorgado polo centro comercial Gran Vía. “Non é so a contía económica, que evidentemente se agradece, é tamén un recoñecemento moi gratificante despois de tanto tempo de traballo”, salienta Cordero desta distinción. No desfile deste xoves foi tamén recoñecida, co segundo premio, a colección A la sombra de las luces, de Laura Murillo, que  este venres puña de relevo as “gañas que achega” este galardón, “despois de tanto traballo, tantos nervios e tanta inseguridade”. Tanto o propio desfile como estas xornadas constitúen para Murillo “unha oportunidade incrible e unha gran porta aberta" ao mundo profesional para para persoas “sen unha experiencia previa”, como é o seu caso. Tamén foi recoñecida este xoves neste caso cun accésit, a colección Novaya Zemlya, que Miriam Otero inspirou no mundo da mar e das mulleres que traballan no sector pesqueiro e á que deu o nome, de feito, do barco de seu pai. “Encántanme que Esdemga nos dea a oportunidade de poder entrevistarnos con grandes empresas”, salienta esta egresada que agarda poder agora orientar á súa traxectoria profesional á faceta de estilista.