DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En colaboración coa Consellería de Innovación e Mancomun.org

Un equipo da ESEI achega o mundo do Software Libre á PEME galega

A través de catálogos, manuais e unha aplicación web

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
María Boullosa DUVI 26/09/2007

Introducir á pequena e mediana empresa na utilización do Software Libre é o espírito co que a Escola Superior de Enxeñería Informática, ESEI, está a desenvolver un proxecto pioneiro de catalogación e información sobre as aplicacións informáticas que poden ser usadas, copiadas, modificadas e redistribuídas libremente.
A orixe do traballo remóntase ata hai seis meses, cando a Consellería de Innovación, a través de Mancomun.org (Iniciativa Galega polo Software Libre), pediu a colaboración das tres universidades galegas para desenvolver ferramentas informáticas de Software Libre dirixidas á PEME.
Nun principio o compromiso da ESEI limitábase á elaboración dun catálogo de ferramentas de tecnoloxía libre para que os empresarios tivesen coñecemento das mesmas, mais o equipo formado polo decano, Enrique Barreiro, e os profesores Francisco Javier Rodríguez e Javier Rodeiro, decidiu aumentar os propósitos do proxecto co apoio de catro bolseiros do centro.
O resultado é que, en vez de atopar un simple listado de 120 aplicacións, o empresario poderá acceder, entre outros, a unha catalogación de ferramentas, onde se especifica como conseguilas e como mantelas, e unha aplicación web con toda a información.
Esta última, que será colgada na rede dentro dun mes aproximadamente, ofrecerá ademais da consulta a posibilidade de incluír comentarios, dúbidas e propostas de mellora. “O que buscamos é que non sexa unha foto fixa de como están as ferramentas de Software Libre en outubro de 2007, senón que sexa un proxecto que a propia comunidade vaia alimentando”.
A esta información bilateral, o equipo decidiu sumar tamén unha metodoloxía que consideran imprescindible, a de implantación de aplicacións. “Unha serie de pasos e procedementos que aconsellamos cando unha PEME decide instalar estas ferramentas”, explicou Barreiro.
Agora ben, dependendo da aplicación elixida, o usuario poderá desenvolverse por si mesmo ou non. “Haberá casos nos que un individuo con coñecementos básicos poderá instalalas, pero noutros será preciso o servizo de enxeñeiros informáticos; todo depende da complexidade da ferramenta elixida”, asegurou Barreiro.

Vantaxes do Software Libre

Inda que, segundo os datos do Cesga do ano 2006, só o 10% das pequenas e medianas empresas utilizan o Software Libre, Barreiro sinala tres aspectos fundamentais á hora de decantarse por este sistema.
Por unha banda, tal e como afirman as propias empresas, resalta o aforro de custes, “porque non hai que pagar licencias nin as súas renovacións”; por outra, polos mínimos efectos á hora de cambiar un produto, “non hai que esperar a novas versións”; e finalmente, pola independencia do proveedor. “Debido a que o código é aberto, os empresarios poden encargar o mantemento á empresa que instalou o sistema ou poden elixir a calquera outra”.
Segundo esta última vantaxe calquera é libre de modificar as versións, iso si, acatándose á Licencia Pública General, GNU. “É un tipo de licencia que podes modificar libremente, pero na que, necesariamente, tes que por á disposición de toda a comunidade os cambios realizados”, apuntou o profesor Rodeiro.
Con todo, o principal desexo dos sete integrantes é que esta iniciativa teña efecto no futuro, dado que o empresario galego é moi reticente ao cambio. “E sobre todo aquí en Ourense, pero teñen que ser conscientes de que cada vez as empresas compiten menos nun mercado local e polo tanto aféctalle a actividade doutras empresas”, xa estean a 100 metros, ou a 1000 quilómetros.
Polo momento, o certo é que o 60% das páxinas web de Internet funcionan baixo a tecnoloxía libre, e nomes como Linux, Apache, OpenOffice ou Mozzilla Firefox, seguen a demostrar que a subsistencia non é contraria á liberdade.