DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No encontro participaron tamén a vicerreitora de Transferencia e a directora de Gain

O equipo gañador dos ‘Oscars do espazo’ reúnese co conselleiro de Economía

Yolanda Rodríguez, Borja González e Antonio Pino explicaron a Conde os detalles do proxecto

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Institucional
DUVI 30/01/2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, tivo este xoves a oportunidade de coñecer de preto o traballo das investigadoras e investigadores da Universidade de Vigo galardoados o pasado mes de decembro en Helsinki cos denominados Oscars do espazo polo proxecto CX-Geodrone, traballo elixido entre máis de 300 propostas emprendedoras de toda Europa baseadas na navegación por satélite.

A investigadora Yolanda Rodríguez e os investigadores Borja González e Antonio Pino, do grupo de Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas -integrado dentro do centro de investigación atlanTTic- acudiron ao encontro co conselleiro acompañados pola vicerreitora de Transferencia, Mª Consuelo Pérez, e alí puideron explicarlle con detalle a idea básica dun proxecto desenvolto en colaboración coa Universidade de Oviedo e que, como explica a súa promotora, Yolanda Rodríguez, “busca instalar sensores radar en drones en voos a baixa altura, unha sensórica que abre todo un novo abano de posibilidades de uso”, entre elas, a localización de minas anti-persoa soterradas, a detección de masas forestais ou de verteduras como fuel-oil ou lixo no mar.

No encontro, no que tamén participou a directora da Axencia Galega de Innovación Patricia Argerey, fíxose fincapé na necesidade de seguir impulsando a transferencia de coñecemento dos centros de investigación ao mercado, impulsando así a competitividade do tecido empresarial galego. 

Tecnoloxía universitaria convertida en iniciativa empresarial

Tal e como se lembrou na reunión celebrada en Santiago de Compostela a iniciativa CX-Geodrone, enmárcase no proxecto RadioUAV, unha iniciativa na que participan 10 investigadores da Universidade de Vigo, en colaboración coa Universidade de Oviedo, e que ten como obxectivo a creación dunha spin off para a explotación comercial de dous sistemas para medida e inspección baseados en sensores de radiofrecuencia embarcados en vehículos aéreos non tripulados. Neste sentido, desde a consellería lembrouse que RadioUAV conta co apoio do programa Ignicia da Xunta e foi tamén seleccionado para participar na modalidade de incubación da primeira edición da aceleradora Business Factory Aero (BFAero), enmarcada no Polo Aeroespacial de Galicia.

A tecnoloxía desenvolvida polos investigadores do proxecto RadioUAV, financiado con máis de 300.00 euros do programa Ignicia, está formada por dous sistemas para a medida e a inspección non destrutiva, baseados en sensores de radiofrencuencia embarcados en vehículos aéreos non tripulados (UAV). “Trátase de tecnoloxías totalmente complementarias. De feito os fenómenos físicos que se producen son fundamentalmente os mesmos, as diferenzas principais son que, mentres nos primeiros se empregan un rango de frecuencias visibles ou próximas ao visible, nós, empregamos frecuencias de radio moito máis baixas. Isto permítenos ‘ver’ obxectos debaixo do chan, con certas limitacións, claro está”, explicaba Borja González no intre de serlle concedida a axuda de Ignicia.