DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A tempada arranca esta fin de semana no Trofeo Progreso de Lugo

O equipo de orientación volve disposto a revalidar o título de campión galego universitario

Integrado por 20 corredores e 15 corredoras e dirixido por José Luis Armada

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
Esteban Canle DUVI 24/01/2019

Nas carreiras de orientación non só gaña quen máis rápido corra, senón tamén  quen mellor se desenvolva cun mapa e un compás na man. Isto é algo que saben ben os 35 compoñentes, 20 homes e 15 mulleres, que este ano forman parte do equipo de Orientación da Universidade de Vigo. Actuais campións da liga universitaria galega, esta fin de semana inician unha nova tempada coa “ilusión de non baixar o nivel e de que, cando menos, se sigan mantendo os bos resultados que acadamos nas últimas tempadas”, destaca José Luis Armada, responsable do equipo.

A liga arranca este sábado día 26 en Lugo cunha dobre proba no Trofeo Progreso, na que competirán nunha carreira de media distancia e noutra de tipo sprint. “As probas de orientación divídense en sprint, media e longa distancia, variando en función da categoría e do terreo no que se desenvolva”, explica Armada, ao que engade que se trata de competicións deportivas nas que os e as participantes teñen que ir dun punto a outro dos sinalados no menor tempo posible. Na Universidade de Vigo o equipo formouse no 2001 e, dende entón, ano tras ano  foi medrando ata converterse nunha referencia a nivel galego nas carreiras de orientación. Plenamente consciente de que o nivel nas probas é cada vez maior, Armada agarda “que a xente siga participando coa mesma dedicación e entusiasmo que ata o de agora”. 

Teresa Bellón e Brais Piñeiro, dous dos nomes máis destacados

En 2018 o equipo da Universidade de Vigo rematou como primeiro no campionato galego universitario. Fíxoo copando o podio na sección masculina, con Brais Piñeiro coma primeiro, Germán Pérez coma segundo e Vicente Pastoriza en terceiro lugar, mentres que na categoría femenina Teresa Bellón e Isabel Pastoriza acadaron un primeiro e un segundo posto. Como fitos tamén podemos destacar un 4º e 5º posto no Campionato de España, logrados por Begoña Crespo e Ana Iglesias. Súmase a todo o anterior un primeiro posto obtido por Ana Iglesias na Liga Galega de Orientación, así como varios podios en distintas categorías nesa mesma competición. Ademais, o equipo contou cunha pequena representación en tres campionatos internacionais, os City Race, que tiveron lugar en Londres, Manchester e Funchal.

Durante os primeiros compases deste ano, a intención do equipo é a de participar en todas as probas posibles que sexan puntuables para a Liga Galega de Orientación. Así, ao longo do ano, “participarase en oito carreiras que contan de cara o campionato galego”, salienta Armada. Ademais, tentarase repetir o éxito da tempada pasada volvendo a participar nos campionatos de España e nalgunhas citas internacionais.

Un equipo dividido en 17 categorías 

O equipo universitario de orientación divídese en 17 categorías e, como na maioría dos deportes, a segmentación vén dada polo sexo e pola idade, aínda que, dentro delas, tamén existen categorías intermedias, absolutas ou elite tanto para mulleres como para homes. “Entre os oito e os 20 anos as categorías divídense de dous en dous anos, despois temos os senior, de entre 21 e 35 anos e , nas restantes categorías, agrúpanse de cinco en cinco anos ata chegar aos veteranos, de 55 ou máis anos”, subliña Armada, ao que engade que no equipo da UVigo “temos corredores de moitas idades, de feito os máis novos son fillos de membros da comunidade universitaria”.

Dentro de todos os tipos de carreiras nos que compite o equipo, probas adaptadas a cada nivel e ,aínda que todas elas resulten esixentes tanto a nivel físico coma técnico, as que máis impoñen aos corredores son as que transcorren polo monte. “Aínda que as probas de sprint son bonitas, non deixan de se ser probas curtas que se corren por cidade, por iso as que máis gustan son as probas de monte”, tal e como salienta Armada, que fai fincapé en que se trata de probas moito máis exixentes, con planos moito máis complexos, nas que os corredores participan máis motivados e para as que se adestran máis intensamente.