DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A categoría masculina de baloncesto continúa invicta

O equipo de rugby do campus arranca o ano cun empate fronte a Babyauto Zarautz RT

Os xogadores de fútbol gaélico gañaron a Cambados FG

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 13/01/2020

Os equipos que representan ao campus de Ourense nas diferentes competicións arrancaron esta fin de semana a súa actividade con desigual sorte. Mentres o primeiro equipo de rugby acadaba un empate fronte a Babyauto Zarautz RT, as categorías masculinas de baloncesto e fútbol gaélico conseguían cadansúa vitoria nos encontros disputados. Tamén esta fin de semana iniciouse a programación de rutas culturais de 2020 cun percorrido pola lagoa de Cospeito.

Empate en rugby

A xornada 14 de competición no grupo A da división de honra B do rugby estatal saldouse o domingo para o Campus Universitario Ourense cun empate contra Babyauto Zarautz RT no encontro disputado no campo coruñés de Acea da Má. Foi un partido moi disputado, liderado na primeira metade polos ourensáns, que rematou cun marcador de 27-27. Con este resultado, o equipo universitario sitúase no cuarto posto do seu grupo, con oito vitorias, un empate e catro derrotas no que vai de tempada. Tamén en rugby pero xa na liga galega, o equipo do Campus Universitario Ourense perdeu contra Os Ingleses por 160-0.

Continuidade en baloncesto

Polo que respecta ao baloncesto, os equipos do campus inician 2020 coa dinámica de resultados de anteriores xornadas de liga. A categoría masculina mantense como líder invicto do seu grupo na primeira división masculina tras gañar o sábado 66-89 a Sigaltec. A categoría feminina continúa no último posto do seu grupo na primeira división tras perder tamén o sábado 36-56 fronte a Forbe Seis do Nadal.

Desigual sorte en fútbol gaélico

En fútbol gaélico, a categoría masculina desprazouse a Cambados para xogar o seu penúltimo partido da primeira volta da Liga Galega de Fútbol Gaélico, gañando o encontro por un marcador final de Auriense Campus da Auga FG 7-14 (35) vs 4-16 (28) Cambados FG. Polo que respecta á categoría feminina perderon en Santiago de Compostela fronte a Estrela Vermelha FG por un marcador final de Estrela Vermelha FG 3-21 (30) vs Auriense Campus da Auga FG 3-4 (13).

Primeira ruta cultural de 2020

Por último, a programación de rutas culturais que organiza a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo iniciou 2020 coa celebración o sábado 11 de xaneiro dunha andaina pola lagoa de Cospeito, na provincia de Lugo. Cunha dificultade baixa e un itinerario de 15 quilómetros, as e os 67 participantes procedentes dos tres campus da Universidade de Vigo coñeceron, da man dun ambientólogo, a lagoa de Cospeito, que se engloba dentro da Reserva da Biosfera Terras do Miño e está considerada un dos ecosistemas hídricos máis importantes do noroeste da península, segundo indican desde a organización da actividade. Ademais de percorrer este enclave, as e os inscritos realizaron nela unha actividade de observación guiada de aves.