DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O encontro disputado contra Getxo RT rematou cun marcador de 41-17

O equipo de rugby do campus perde ante o líder do seu grupo

A pesar da derrota mantense no terceiro posto da táboa

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 09/12/2019

“Derrota fronte a un bo equipo dando o máximo e xogando con garra e intensidade ata o último momento. Un gran traballo con humildade e con esa garra que caracteriza ao Campus Ourense”. Así explican desde o Campus Universitario Ourense Rugby Club o partido disputado este sábado na súa visita ao campo de Getxo RT, que se saldou cunha derrota para os ourensáns.

A xornada onceava de competición no grupo A da división de honra B do rugby estatal enfrontou aos ourensáns co equipo líder do seu grupo ante arredor de 300 espectadores. Foi, indican desde o club ourensán, “un bo partido” “no que a primeira parte dos do Campus foi extraordinaria aínda que o banquillo e bo facer dos de Getxo fixo que despegaran na segunda metade e se levaran o partido sen problema”. A pesar deste resultado, o equipo ourensán mantense terceiro do seu grupo, con oito vitorias e tres derrotas no que vai de competición. Tras este revés, indican desde o Campus Universitario Ourense Rugby Club, é o momento de “seguir traballando con ganas e ilusión e desexando poder a volver ao noso campo nas Lagoas canto antes”.