DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os xogadores gañaron o sábado a Pasek Belenos RC

O equipo de rugby do campus sitúase terceiro do seu grupo na división de honra B do rugby estatal

A categoría masculina de baloncesto tamén sumou unha nova vitoria

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 20/01/2020

Continuando a súa traxectoria ascendente, o Campus Universitario Ourense Rugby Club sumou esta fin de semana unha nova vitoria que o coloca no terceiro posto do seu grupo na división de honra B do rugby estatal. Tamén continúa sumando bos resultados deportivos a categoría masculina de baloncesto e os equipos de natación e fútbol gaélico que representan ao campus de Ourense nas súas respectivas competicións.

Vitorias en rugby e baloncesto

A xornada 15 de competición no grupo A da división de honra B do rugby estatal saldouse o sábado para o Campus Universitario Ourense cunha vitoria por 29-10 contra Pasek Belenos RC no encontro disputado no campo coruñés de Acea da Má. Foi, indican desde o club, unha “boa vitoria fronte a Pasek Belenos RC nunha chuviosa tarde de rugby” que lles permite dar un paso máis nos seus obxectivos desta tempada. Con nove vitorias, un empate e catro derrotas, os ourensáns sitúanse no terceiro posto do seu grupo. Tamén en rugby pero na liga galega o Campus Universitario Ourense RC gañou esta fin de semana por 26-19 a Fendetestas RC.

Polo que respecta ao baloncesto, os equipos do campus continúan neste 2020 coa dinámica de resultados de anteriores xornadas de liga. A categoría masculina mantense como líder invicto do seu grupo na primeira división masculina tras gañar o domingo 54-68 a Bosco Stores Persan. A categoría feminina continúa no último posto do seu grupo na primeira división tras perder tamén o domingo 58-28 fronte a Celta Universidade de Vigo.

Bos resultados en natación e fútbol gaélico

Tamén esta fin de semana o Club Natación Escualos Campus da Auga participou  con éxito no Campionato Galego de Inverno de Natación Máster celebrado en Lugo. O equipo obtivo 822 puntos, acadando o quinto posto na clasificación final do campionato, e conseguindo máis de 50 medallas individuais. Tanto o equipo masculino coma o feminino conseguiron tamén cadanseu quinto posto. “Estamos moi satisfeitos coa actuación do equipo, cada ano seguimos subindo chanzos na clasificación”, indican desde o Club Natación Escualos Campus da Auga.

Polo que respecta ao Auriense Campus da Auga FG, a categoría feminina acadou un empate nun moi disputado partido no que o resultado foi Auriense Campus da Auga FG 4-8 (20) vs Herdeiras de Dhais FG 1-17 (20). A categoría masculina non puido disputar o encontro contra Dorna FG dada a imposibilidade deste último de xuntar o número mínimo de xogadores polo que o partido foi dado por gañado para os ourensáns, que rematan con esta vitoria a primeira volta da liga galega de fútbol gaélico.