DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con este resultado consolídase no cuarto posto da táboa

O equipo de rugby suma unha vitoria máis fronte a Uribealdea RKE

A categoría masculina do Auriense FG tamén gañou o partido disputado con Braithreachas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Ourense 10/12/2018

Os equipos de rugby e fútbol gaélico do campus de Ourense sumaron esta fin de semana vitorias que consolidan as súas aspiracións nas súas respectivas competicións. Os xogadores do Campus Universitario Ourense RC gañaron na casa fronte a Uribealdea RKE e a categoría masculina do Auriense FG Campus do Auga gañou a Braithreachas no seu desprazamento á Estrada.

O Campus Universitario Ourense RC xogou o domingo nas instalacións deportivas do campus de Ourense co Uribealdea RKE, acadando un marcador favorable de 50-7. Con este resultado, os ourensáns consolídanse, con sete vitorias e catro derrotas, no cuarto posto do grupo A da división de honra B do rugby estatal. Reuben foi elixido como mellor xogador da xornada.
   
Polo que respecta ao fútbol gaélico, a categoría masculina desprazouse á Estada para xogar co equipo local de Braithreachas. Alí, indican desde o club ourensán, acadaron “unha emocionante vitoria” 5-05(20) - 5-08(23). "Aínda que nun partido no que sempre mandou no marcador, o equipo ourensán non puido despegarse do equipo estradense en todo o encontro. O Braithreachas, que ocupa postos de abaixo na clasificación, demostrou que ten equipo para competir con calquera equipo da liga e, cun final de infarto, os ourensáns defenderon a súa porta para levarse unha vitoria que de novo os leva á parte alta da clasificación”, indican desde o Auriense.