DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os responsables salientan o triunfo “organizativo e competitivo” da proba

O equipo universitario consegue seis metais no XVII Trofeo Universidade de Vigo de Orientación

En atletismo o club da Universidade acadou o primeiro posto na carreira Correndo por Vigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
D. Besadío DUVI 11/06/2018

Máis de 300 corredores e corredoras participaron este sábado no campus no XVII Trofeo Universidade de Vigo de Orientación, 5ª proba da liga galega, unha cita que transcorreu sen incidencias e na que as e os orientadores da universidade viguesa foron  quen de conseguir un total de seis medallas: Vicente Pastoriza, ouro na categoría M40; Ana Iglesias, prata en F40; Irene Álvarez, prata en F16 e os bronces Diego Pérez (F1), Francisco Enrique Blanco (M21B) e Begoña Crespo (F45).

O Trofeo Universidade de Vigo é unha das probas clásicas da orientación galega e este ano cumpría a súa 17ª edición, polo que o equipo anfitrión puxo todo o seu empeño en organizar, unha tempada máis, unha proba de calidade enmarcada no mapa do campus universitario. “Estamos moi satisfeitos cos resultados acadados, para nós foi todo un triunfo, tanto a nivel organizativo como competitivo”, explica José Luis Armada, responsable do equipo, quen apunta que o mapa desta proba caracterízase por combinar a zona urbana co bosque adxacente ás facultades e escolas, polo que saber desenvolverse en ambas zonas é fundamental. “Os distintos edificios do campus, con diferentes alturas e zonas de difícil acceso, fixeron que as e os participantes tiveran que orientarse coidadosamente. Ademais, a proba caracterizouse por unha gran esixencia física dado o desnivel existente”, recalcou Armada.

Os gañadores da proba na categoría elite, a máis complicada tanto técnica como fisicamente, foron Isabel Diz, co Club Cornelios, e o orientador portugués Tomás Lima. “Tamén na categoría reina o orientador da Universidade de Vigo Brais Piñeiro rematou en 4ª posición e estivo a piques de conseguir a medalla de bronce”, recalcou Armada, ao que engadiu que, a próxima cita será para o equipo vigués o 23 de xuño nos concellos de Oia e Baiona.

No podio das carreiras populares

O equipo de atletismo e carreiras populares da Universidade de Vigo acadou este sábado o primeiro posto por equipos na VI carreira nocturna Correndo por Vigo, “unha vitoria loitada e merecida da man dos nosos compañeiros Alba, Arturo, Juan Luis, Pepe, Baltasar, Roberto e Paco, sendo este último quen recollería o trofeo no podio”, salientou Pedro Comesaña, responsable do equipo.