DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este luns arrancaron os traballos da campaña 2018

As escavacións volven ao xacemento de Armea co obxectivo de deixar ao descuberto a finca da atalaia

Traballa na zona un equipo de 20 persoas coordinadas polo Geaat

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 18/06/2018

Este luns arrancou no xacemento de Armea, no Concello de Allariz, a quinta campaña arqueolóxica que desenvolve nel o Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (Geaat). Con financiamento do Concello de Allariz, un ano máis as e os arqueólogos volven á Cibdá de Armea co obxectivo nesta ocasión do completar a descuberta da coñecida como a zona da atalaia. Un equipo de case unha vintena de persoas participará ata finais de xullo nesta intervención. 

“O obxectivo desta campaña é rematar de exhumar as estruturas na finca da atalaia, de propiedade municipal, para que as domus norte e sur da cidade queden completamente visibles e visitables”, explica Alba Rodríguez, arqueóloga do Geaat encargada este ano da dirección das escavacións. Ademais, engade, “continuaremos coa sondaxe na finca cedida polo señor Manuel, a persoas que descubriu as estruturas de Monte Señoriño, onde se atoparon muros que poderían estar relacionados cunha ocupación na parte alta da ladeira”.  Neste primeiro día de traballo, detalla Alba Rodríguez, os traballos consistiron “na limpeza da zona para empezar a traballar, na retirada de follas, pedras e outros restos” coa pretensión de comezar esta semana xa a escavar. 

Formación e divulgación

Seguindo a dinámica de anos anteriores, o equipo que realiza a intervención está composto por arredor de 20 persoas. Liderado por investigadores e investigadoras do Geaat e estando Adolfo Fernández como director científico da campaña, o grupo conta ademais de coa participación en prácticas de alumnado da Facultade de Historia do campus de Ourense con estudantes de varias universidades estatais e tamén estranxeiras, como a Universidade de Oxford. Os traballos da intervención, que se prolongarán ata o 13 de xullo, decorrerán pola maña e pola tarde realizaranse prácticas de traballo de laboratorio, onde os alumnos e alumnas aprenderán o tratamento básico do rexistro de materiais arqueolóxicos. Tamén se levarán a cabo saídas para visitar xacementos da contorna. Ademais do equipo técnico que participa na campaña e dos estudantes, o Concello de Allariz achega á intervención varios obreiros municipais que levarán a cabo tarefas de apoio, entre eles dous canteiros que participarán tamén na campaña de conservación e restauro, que se levará a cabo as dúas últimas semanas de xullo, unha vez rematadas as escavacións.

Unha edición máis tamén se levarán acabo as actividades divulgativas, con obradoiros arqueolóxicos xestionados por Xeitura para nenos e nenas e visitas guiadas. Tralo traballo de campo no mes de xullo, a actividade continuará no campus de Ourense co procesado dos materiais e a realización de publicacións científicas. 

Relevancia

Sobre a importancia de continuar un ano máis traballando neste xacemento, Alba Rodríguez, que ten dirixido as dúas campañas arqueolóxicas desenvolvidas polo Geaat no xacemento de San Salvador dos Penedos, tamén en Allariz, salienta como este enclave pode considerarse “un dos xacementos romanos máis importantes de Galicia”. Cunha ocupación romana datada arredor dos séculos I e II despois de Cristo, “estamos falando do xacemento dunha auténtica cidade romana cunhas estruturas moi ben conservadas, nunha contorna privilexiada e na que se desenvolve un proxecto arqueolóxico moi sólido”, subliña. Ademais, recalca a arqueóloga, estas campañas destacan pola súa apertura á cidadanía, “xa que nos poden visitar en calquera momento para ver o traballo que facemos”, e por ser “unha das poucas escolas de campo para os estudantes de arqueoloxía que hai en Galicia”.