DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O centro do campus celebrou unha festa que reuniu os nenos e nenas e ás súas familias

A Escola Infantil dá a benvida ao Nadal con panxoliñas e agasallos

Os cativos recibiron a visita de Papa Noel

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 20/12/2019

Xa é unha tradición que a Escola Infantil do campus pontevedrés dea a benvida o Nadal reunindo, nunha xornada de celebración, os nenos e nenas, educadoras e familias. Na tarde deste xoves, a escola acolleu unha festa marcada pola visita de Papa Noel, que percorreu as aulas do centro para agasallar aos cativos con lambetadas e cunhas pequenas árbores feitas con pasta de modelar que os propios alumnos e alumnas pintaron e decoraron na escola nos días previos. Trala súa visita, a festa completouse cunha merenda, grazas ás sobremesas e doces típicos destas datas que as familias achegaron ao centro, e non faltaron tampouco as panxoliñas, que correron a cargo de Miguel Saborido, un dos educadores da escola e o encargado de poñer música, coa súa guitarra, a esta celebración.

Esta celebración dirixida a “fomentar as relacións entre a familia e a escola”, como explica a directora en funcións da escola, Elena Ortigueira, súmase ás diferentes actividades arredor do Nadal que o centro promoveu nos últimos días. “Fixemos un obradoiro de turróns cos nenos e nenas da aula 2-3 e estiveron tamén pintando e decorando as súas árbores, que agora poderán colgar nas súas casas”, apunta Ortigueira. O vindeiro xoves 27, as celebracións continuarán de feito cun fin de ano adiantado, nunha xornada á que os cativos e cativas acudirán coas súas roupas máis elegantes para participar “nunha simulación das badaladas de fin de ano”.