DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nela comparte vídeos de recursos didácticos en galego

A Escola de Tempo Libre do campus amplía o seu labor formativo cunha canle en Youtube

Na actualidade conta con 29 pezas que abranguen desde dinámicas de comunicación a xogos deportivos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantes
DUVI Ourense 16/06/2020

A Escola de Tempo Libre do Campus de Ourense (Estou) veu a súa actividade formativa truncada pola declaración da pandemia da COVID-19, que obrigou a suspender polo momento a súa programación de cursos. Tendo en conta o novo contexto e sen deixar de buscar alternativas para retomar a súa oferta presencial, a entidade abriu recentemente unha canle de Youtube na que comparte recursos didácticos sobre lecer e tempo libre en galego co público interesado. 

A canle, explica en nome da organización o educador social Millán Brea, xorde en colaboración coa Asociación Universitaria de Ciencias da Educación AUCE e Psico Pictures. Trátase, apunta, dunha iniciativa que arrancou de cara ao público o pasado 20 de abril pero que non é froito da pandemia senón que “nace tras unha proposta do alumnado do Curso de Monitoras de Tempo Libre realizado por Estou en outubro de 2019, cando a través da súa moeda social, insisten en subir a Internet aquelas cancións, xogos e dinámicas que traballaron previamente coas docentes da escola, pero incidindo no compoñente pedagóxico destas actividades”.

Contidos en lingua galega

Segundo sinala Millán Brea, "a canle, que leva o nome de Estou, ten dous obxectivos moi claros: propor e compartir técnicas para poder explicar xogos e actividades, e promover o uso do galego entre as futuras monitoras. Pensamos que a cultura galega debe ser a base da intervención no eido do tempo libre". Os curso de monitores e monitoras de tempo libre que imparte cada curso académico a Escola de Tempo Libre do Campus de Ourense, indica, “non consisten unicamente en achegar recursos, que a día de hoxe se poden sacar en Internet facilmente. Traballamos moito con ferramentas didácticas moi específicas: como explicar os xogos, como colocar o grupo, cando repartir o material... formamos futuras monitoras, polo que é fundamental que saian do curso sabendo transmitir". Unha filosofía de traballo que a escola quere compartir tamén a través da súa nova ventá en Youtube. 

A canle, feita coa colaboración da produtora ourensá Psico Pictures, conta na actualidade con 29 vídeos que abranguen un amplo abano de cuestións e que foron gravados nas instalacións do campus de Ourense durante o desenvolvemento do Curso de Monitor@s de Tempo Libre. Así, neles pódense coñecer de xeito didáctico e aplicado dinámicas de presentación e distensión, de activación, de expresión corporal ou de comunicación e xogos de presentación ou de animación deportiva. Tampouco faltan as pezas nas que se pode aprender desde a facer pompas xigantes con xabón, auga e azucre ou malabares. 

Curso presencial

Mentres continúan nutrindo de contidos esta canle, desde a Escola de Tempo Libre do Campus de Ourense sinalan que están valorando a posibilidade dunha convocatoria do seu Curso Intensivo de Monitor@s de Tempo Libre para o mes de xullo, estando analizando na actualidade os protocolos que dende a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado publicaron para formacións específicas de tempo libre.