DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa directora, Lola Dopico, recolleu o galardón no pleno de honra celebrado este luns

Esdemga recibe o premio Cidade de Pontevedra como un impulso para seguir medrando 

O alcalde destacou os éxitos acadados polo seu alumnado e a súa alta inserción laboral 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Premios
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 20/01/2020

Con “fonda gratitude e responsabilidade” recolleu este luns a directora de Esdemga, Lola Dopico, o premio Cidade de Pontevedra que, na categoría de persoas xurídicas, recoñece este ano a traxectoria desta titulación da Facultade de Belas Artes. No pleno de honra celebrado este luns no Teatro Principal, Dopico sinalou que este galardón constitúe “un sinal de que a cidade acredita no potencial desta titulación e na súa capacidade para seguir medrando, sempre conectados coa nosa contorna”, motivo polo que viu nel un “novo impulso” para “continuar construíndo canles de colaboración e diálogo cos axentes académicos, sociais e empresariais” e para “desenvolver novas sinerxías coa industria da moda e con outras institucións académicas, museísticas e culturais”.

Un xurado integrado por representantes dos diferentes grupos da corporación municipal, da prensa local e do sector cultural decidiu por unanimidade outorgar a Esdemga e á presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez, na categoría de persoas físicas, os premios que este luns recibiron de mans do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, o vicerreitor do campus, Jorge Soto, profesorado de Esdemga e integrantes da comunidade universitaria asistiron no Teatro Principal a un pleno de honra no que Fernández Lores definiu a Esdemga como “unha escola pioneira, altamente especializada, innovadora e dinámica” que, ao longo da súa traxectoria, demostrou “a capacidade necesaria para evolucionar ao ritmo que impoñen estes tempos de constante cambio e transformación”. No seu discurso, o rexedor salientou os éxitos acadados polo seu alumnado, o “alto grao de integración laboral” dos seus titulados e tituladas, así como a aposta do Goberno local por unha titulación que permite “que esta cidade avance no seu papel de abrigadoiro para a formación e a proxección exterior do talento creativo”.  

Unha titulación estreitamente ligada á cidade

“Recibimos este premio como unha renovación da demanda que a cidade nos fixo ao inicio da nosa andadura e que segue vixente, ir sempre un paso máis aló na construción da cultura do deseño e a innovación a través da formación, a investigación e a divulgación”, salientou Dopico nun discurso no que puxo o acento o papel xogado por polo Concello, a Deputación Provincial e a Cámara de Comercio, así como outra serie de axentes da cidade, xunto coa propia Universidade de Vigo, para facer posible a posta en marcha, en 2004, dos Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galicia. “A Universidade de Vigo asumiu o compromiso e puxo en marcha unha formación en deseño de moda no campus de Pontevedra, coa misión de formar dun xeito integral e competitivo ao tecido creativo que debía sustentar unha industria en plena transformación, a da moda” que, como lembrou, representa preto do 10% do PIB de Galicia.

“Esdemga pode ser o que é hoxe, un referente da formación en deseño de moda en todo o estado”, lembrou Dopico, grazas a unha “suma de elementos difíciles de atopar noutro lugar”, como contar cunha “magnífica Facultade de Belas Artes”, co Campus Crea, “altamente interdisciplinar e especializado” e coa “colaboración continuada e comprometida” do Concello. Do mesmo xeito, a directora de Esdemga subliñou que “detrás dos éxitos” acadados, primeiro como titulo propio e agora como Mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda, “está o traballo de moitos”, co propósito de pór en valor o traballo realizado por un equipo docente integrado por “xente comprometida e arriscada”. 

Un reto colectivo que foi sumando recoñecementos

Tras incidir no “esforzo colectivo” e no “reto” que supuxo pór en marcha esta titulación, “que que se define pola súa fortaleza no desenvolvemento creativo, conectado, ao mesmo tempo, coa realidade profesional dun sector sempre cambiante”, Dopico quixo pór en valor tamén un alumnado “con moitísimo talento, enormes gañas de aprender e paixón desbordante”. No seu discurso, a directora de Esdemga incidiu tamén na importancia que para esta titulación ten Debut, a pasarela na que os novos titulados e tituladas presentan as súas coleccións de fin de estudos diante de preto de 2000 persoas no Pazo da Cultura, á vez que lembrou algúns dos recoñecementos acadados nestes anos. Recoñecementos que constitúen, sinalou, “capítulos dun posicionamento máis prestixiado da nosa titulación”, entre os que figuran o premio Talento&Co, “que nos recoñecía como a mellor escola de deseño de moda en España”, as participacións na Madrid Fashion Week e na Graduate Fashion Week de Londrés, ou que a titulación fose escollida por Zara para desenvolver, no seu proxecto View.s, unha colección cápsula que puxo a venda, a través da súa web, en todo o mundo, sumando á Esdemga e a Pontevedra a unha lista da que forman parte prestixiosas escolas de Tokyo, Londres e Milán.