DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do Madrid Design Festival, estará centrado na cestería 

Esdemga, seleccionada para participar nun taller internacional impulsado por Aristocrazy

Reunirá en febreiro docentes e estudantes de diferentes países

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 31/01/2020

Xunto á École Supérieure des Arts Décoratifs de París, a Kyoto Seika University xaponesa ou o Shenkar College of Engineering de Tel Aviv, entre outros, Esdemga estará representada, entre o 13 e o 15 de febreiro no Aristocrazy Design Bootcamp, un taller promovido por esta firma de xoiería xunto co BIAAF (Bilbao International Art & Fashion), no que estarán representadas, segundo salienta a organización, "algunhas das máis importantes escolas de deseño do mundo", seleccionadas por un comité de expertos. O taller, para o que foi seleccionado esta titulación da Facultade de Belas Artes desenvolverase no marco do Madrid Design Festival estará centrado na cestería, co obxectivo de desenvolver unha serie de prototipos contemporáneos utilizando materiais e técnicas tradicionais.

Dirixido polo artesán Carlos Fontales, as diferentes universidades e escolas seleccionadas para este taller estarán representadas por un ou unha docente e un alumno ou alumna, que neste caso serán a directora de Esdemga, Lola Dopico, e a estudante do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda Andrea González Lozoya. “Este tipo de proxectos aos que convidan escolas de carácter internacional son sempre unha oportunidade de aprendizaxe, non só para o alumnado, senón tamén para nós”, salienta Dopico dunha iniciativa que permitirá “intercambiar experiencias” cos e coas responsables doutras titulacións e de coñecer “que cousas están facendo noutras escolas para poder mirarte nelas”. Non en van, lembra, o Aristocrazy Design Bootcamp, congrega cada ano a representantes de centros “dun nivel moi importante”. De feito, en anteriores edicións estiveron presentes, entre outros, docentes e estudantes do Fashion Institute of Technology de Nova York ou do London College of Fashion.

Innovar partindo do tradicional

Nesta edición, o taller dedicarase á arte da cestería e estará dirixido polo cesteiro, docente e investigador desta técnica Carlos Fontales. Segundo explica a organización, ao longo de tres días, as e os participantes “traballarán en equipos multidisciplinares desdebuxando os límites entre deseño, moda, arquitectura, artesanía e patrimonio cultural”, podendo experimentar con diferentes técnicas de cestería branda e co traballo con diferentes materiais. “Ese concepto de fusión de artesanía e deseño para nós é algo clave, unha das liñas nas que traballamos de forma habitual”, salienta Dopico do eixo dun taller para o que o mestrado realizou unha convocatoria entre o seu alumnado co propósito de seleccionar á estudante participante. Asemade, a directora de Esdemga incide no interese deste taller, que en anteriores edicións tivo eixos o traballo artesanal do coiro e o cristal, á hora tanto de que o alumnado coñeza unha serie de técnicas como de pór de relevo o que constitúe ao seu xuízo, “o elemento diferencial do deseño hoxe en día”, como é a xeración de innovación a partires da artesanía. “Cando esta se pensa desde o deseño, xorden proxectos moi innovadores, cunha calidade manual que os vai facer máis competitivos no territorio da alta moda”, sostén Dopico.