DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na vixésimo sétima edición do evento entregáronse un total de 39 galardóns

O esforzo, a solidariedade e a constancia triunfan na Gala do Deporte Universitario

Entre outras distincións, outorgáronse os Premios á Excelencia Académica e Deportiva

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Deportes
  • Premios
  • Deportes
M. Del Río DUVI 21/11/2018

A Gala do Deporte Universitario leva 27 anos reivindicando o deporte na súa concepción máis ampla, recoñecendo valores como o compromiso, o traballo en equipo, a disciplina, a constancia, o sacrificio, a solidariedade ou os estilos de vida saudables. Así o resumía o actor Carlos Blanco, no inicio dun evento que se desenvolveu este mércores no auditorio do Concello de Vigo. Blanco foi o encargado de presente unha nova edición da gala que contou como padriño co empresario Eduardo Vieira, impulsor da Vig Bay, cita que o vindeiro mes de abril cumprirá o seu vixésimo aniversario.

No transcurso deste evento, que contou coa actuación da banda Igloo, entregáronse un total de 39 galardóns, tanto a deportistas e clubs da Universidade de Vigo polos seus éxitos e esforzos como a outras persoas ou clubs que traballan a prol da promoción dos valores do deporte. O reitor da Universidade, Manuel Reigosa, felicitou a todas e todos os premiados polos éxitos e logros obtidos pero tamén polo esforzo e pola capacidade de mellorar. Reivindicou o papel do deporte universitario “como un elemento didáctico fundamental”. O alcalde de Vigo, pola súa banda, louvou o esforzo de compaxinar estudos e deporte, e remarcou que na actualidade “o deporte é unha explosión cultural que ocupa tantos lugares que forma un novo modo de entender unha sociedade”. Abel Caballero tamén ofreceu a colaboración do concello para traballar estreitamente na promoción do deporte universitario. 

Premios aos medallistas nos campionatos nacionais e internacionais

Os primeiros en subir ao escenario foron os e as medallistas nos Campionatos de España Universitarios 2018, comezando polos taekwondistas Miryam García (ouro -62 lixeiro), a adestradora de Celia Tortosa (prata -53 kg galo) e Iván García (prata -87 kg medio), para dar paso ao nadador Daniel Sánchez (prata en 50 e 100 metros costas). Posteriormente recibiron o seu recoñecemento os atletas Leticia Fernández (prata nos 1500 m lisos), Jean Marie Okutu (ouro en salto de lonxitude) e Adrián Pérez (ouro nos 100 m lisos), e os membros do equipo de loita Lydia Pérez (ouro en -63 kg), Noelia Lalín (ouro -75 kg), Nerea Pampín (prata en -63 kg), Cristina Alves (bronce -52 kg) e Pablo García (ouro en -80 kg) e do de bádminton Laura Valverde e Alejandro Rivadulla, bronce nos dobres mixtos). O palmarés de medallistas individuais completouse co judoka Alexis Rosa (ouro en -81 kg) e Xiana Pérez, bronce en florete no CEU de esgrima. Xunto con estes galardóns individuais, foron entregadas as distincións por equipos de loitas olímpicas-feminino, que se proclamou campión de España; o de voleibol masculino, bronce; e o de vela, que obtivo a prata e a clasificación para o Campionato Mundial Universitario, onde foron novenos. Nesta primeira fase da gala tamén se entregaron os galardóns aos padexeiros Raquel Da Costa e David Novas, medallistas individuais nos EU Games e ao equipo de piragüismo, subcampión de Europa nesta mesma cita.

Premios á Excelencia Académica e Deportiva

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, foi o encargado de entregar os Premios á Excelencia Académica e Deportiva aos deportistas que destacan por “constituíren auténticos exemplos de coherencia e de constancia e por ser quen de levar en paralelo os seus estudos e as súas competicións”. Nesta edición foron premiadas en categoría feminina tres estudantes do campus de Pontevedra: a padexeira Tania Álvarez, de Ciencias da Actividade Física e do Deporte; a nadadora na modalidade de salvamento e socorrismo Antía García, do mesmo grao e a atleta Leticia Fernández, alumna de Fisioterapia. Na categoría masculina os galardóns foron para o atleta olímpico e estudante de Fisioterapia Jean Marie Okutu e para o xogador de voleibol Pedro Manuel Fernández, estudante de Organización Industrial.

Galardóns para a comunidade universitaria e para a cidadanía

Outros dos premios da noite foron para aos equipos vencellados á Universidade, que recoñecen tanto os resultados como o esforzo por conciliar vida académica e deportiva.  Recibiron os seus galardóns as mulleres que forman parte do equipo de orientación, o equipo de carreiras populares do campus de Vigo e o equipo de UVigo Motorsport. Os recoñecementos especiais ás traxectorias individuais foron para Carlos González e Fernando Franco, fundadores do Club de Tenis Dereito-Empresariais. 

Nese intre da gala tivo lugar unha das sorpresas da noite, un premio especial a Salvador Fontán, adestrador do equipo de taekwondo, “unha persoa tan discreta que se llo propoñemos seguro que hoxe non estaría aquí”. Grazas ao seu traballo, o equipo é un exemplo para o resto dos deportes, que marcou un fito histórico na universidade española, sendo o máis laureado con sete ouros, seis pratas e dous bronces na clasificación por equipos e máis de 80 medallas a nivel individual estatal, 20 a nivel europeo e catro a nivel universitario mundial. 

De seguido entregáronse as mencións especiais, que premian os méritos da comunidade universitaria que traballa na promoción do deporte como forma de vida. Nesta edición os galardóns foron para Isabel Pastoriza, investigadora e integrante do equipo federado de Orientación e Marcos Casal Grajal, titulado pola Universidade de Vigo e presidente da Federación Galega de Deporte Adaptado. A estrela aos valores universitarios foi para Delegación de alumnado da Escola de Minas e Enerxía. Este premio acada a súa segunda edición, e pretende poñer en valor as iniciativas do propio alumnado que, “co seu exemplo, a súa xenerosidade e o seu altruísmo, desenvolve valores como a cooperación, o traballo en equipo, a loita pola igualdade, a xustiza, a convivencia, o compañeirismo ou a preocupación polos demais”. Neste bloque procedeuse a entregar un dos principais premios da gala, a Mención Especial ao Estudante Universitario do Ano, que foi para o estudante de Fisioterapia e atleta olímpico, Jean Marie Okutu, que participou nas olimpíadas de Río de Janeiro. Ao tempo, tamén se outorgou a estrela de excelencia a Coca-Cola European Partners, como entidade colaboradora. 

Ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, correspondeulle entregar os premios que recoñecen as achegas da cidadanía á Agrupación de antigos xogadores do Real Club Celta de Vigo, que recibiu o VII Premio VIDA á traxectoria persoal e deportiva, e ao Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia, que a piques de cumprir 75 anos, recibiu o IV Premio ao fomento da iniciación deportiva. Por último, o VII Premio Valor Solidario foi para David Gil, pola súa iniciativa 700 Camisetas contra a Leucemia. Este último galardón foi un dos máis emocionantes da noite e quixo recoñecer “a loita titánica para conseguir que todas e todos nos fagamos doantes de médica”.